CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

X-Men: Apocalipse, un filme menor dentro da saga

Un fotograma do filme

X-MEN: APOCALIPSE

(EUA 2016, 144 min.)

Dirección: Bryan Singer

Guión: Simon Kinberg

Fotografía: Newton Thomas Sigel

Música: John Ottman

Elenco: Michael Fassbender, James McAvoy, Oscar Isaac, Jennifer Lawrence, Nicholas Hoult, Tye Sheridan, Rose Byrne, Evan Peters, Sophie Turner, Josh Helman, Kodi Smit-McPhee, Lucas Till, Ben Hardy, Alexandra Shipp, Olivia Munn, Lana Condor, Hugh Jackman

SINOPSE

O mutante máis poderoso de todos os tempos esperta en O Cairo tras milleiros de anos de letarxia. Pronto recruta a catro mutantes para provocar a Apocalipse e crear de cero un novo mundo. O profesor Xavier, xunto a Mística e un grupo de mutantes da Escola de Xoves Talentos, tratará de impedilo. 

CRÍTICA

Tras sorprender co reboot dos X-Men en Días do futuro pasado, Bryan Singer retoma de novo o leme da saga cun “máis grande, máis forte, máis escura, máis todo”... Pero ir con esta expectativa soe ser sinónimo de decepción, niso si que non defrauda X-Men: Apocalipse. No de decepción, digo... Comeza cos xa míticos acordes de John Ottman que acompañan á franquicia desde a segunda achega e que nos fan estremecer xubilosos na butaca. Tras un preludio que lembra un pouco a Stargate pasamos por un enxeñoso túnel do tempo que nos transporta ao quid do asunto. Charles Xavier (aínda melenudo) dirixe a escola de mutantes acompañado por Besta e un montón de alumnos que xa aparecían na anterior, como Mística ou Havok, mentres presentan outros mutantes para maior gloria dos fans: Jean Grey, Cíclope, Rondador Nocturno ou Jubileee. Pola súa banda, Magneto trata de permanecer no anonimato ata que topa con Apocalipse, un todopoderoso mutante que reaparece tras milleiros de anos oculto nas profundidades da terra e que, todo hai que dicilo, é cuspidiño a Peter Boyle de O Xovenciño Frankenstein. Pois ben, unha vez ben esperto e pululando pola terra dos mortais recruta a Magneto e a outros tres mutantes máis, a ritmo do The Four Horsement de Metallica, para acabar coa miserábel existencia da humanidade...

Hai momentos de gran cinema co mellor Singer que case lembra ao de Sospeitosos Habituais, mais conta con outros momentos que parecen feitos por un bolseiro

X-Men: Apocalipse é un entretido filme de superheroes, si... mais é un filme menor dentro da saga, e a causa é que está moi descompensado. Por unha banda hai momentos de gran cinema co mellor Singer que case lembra ao de Sospeitosos Habituais, mais conta con outros momentos que parecen feitos por un bolseiro. A meirande parte de “culpa” non é tanto da dirección senón dun guión cheo de explicacións excesivas, superfluas e fallos imperdoábeis. Por exemplo, dá cousiña escoitar como resolven o tema dos “traxes de voo” e resulta imperdoábel, entre outros, o comentario sobre a procura en internet en pleno 1983... Faltoulles pouco para quedar para wasapear ou facerse un selfie. En fin... observando que o asinante é Simon Kinberg, responsábel da infumábel Catro Fantásticos dirixida o ano pasado por Josh Tranl inda que estivo a piques de firmar Alan Smithee, podemos entender un pouco as causas. Loxicamente quen se mete a ver unha de X-Men sabe que non vai ver unha peli de autor, está claro, pero os intentos de Singer por facer un digno filme de superheroes un pouco fóra das estruturas básicas (coma a primeira da serie orixinal e a do reboot) chocan con estes fallos de guión e un onanismo de CGI que embaza unha historia que podería dar moito máis de si. Por suposto gozaremos coa reaparición de Quicksilver, que se gustou o que facía na anterior aquí temos o dobre, a presentación do Rondador Nocturno e como resolven o seu vestiario para pasar por humano, así coma dun multipremiado elenco que fai o que pode para sacar o filme adiante. Atención tamén ao final sorpresa tras os títulos de crédito... dá unha pista tan sutil sobre o seguinte supervilán ao que se terán que enfrontar os X-Men que só han pillar os “moi fans” do cómic.