Contracultura

Xavier Groba e Alba Cid: "Na nosa contorna atopamos no subterráneo as portas do inferno, mais tamén os tesouros"

O membro do Clube Espeleolóxico Maúxo, Xavier Groba, e a poeta Alba Cid (Foto: Ramón Pinheiro).
Xabier Groba, membro do Clube Espeleolóxico Maúxo, e Alba Cid, poeta, están detrás do libro Tesouro espeleolóxico galego (A Central Folque). Groba e Alba abordan cadanseu papel no volume así como a importancia de recoller estes datos que van, como din, “desde o interese natural ou xeolóxico até o histórico ou etnográfico”.

Como xurdiu Tesouro espeleolóxico galego?

Xavier Groba: Foi un proceso lento. O club cumpre este ano o seu 30 aniversario e desde os inicios tivemos unha carpeta no computador chamada cavidades pendentes. Nela acumulabamos información sobre algunhas que nos gustaría visitar até que hai tres anos decidimos que non nos ía dar tempo e que podía resultar de interese para outras persoas. Comezamos o proceso de buscar documentación dunha forma intencional para este proxecto coincidindo co convite ao proxecto Rupestre sonoro de A Central Folque. Ao final todo levou a espectacular edición de Ramon Pinheiro e a colaboración de Alba, que tratou este libro con moito agarimo e fondura. 

Alba Cid: Eu facía parte do colectivo de Rupestre sonoro desde 2019, integrado por persoas de diversas disciplinas, desde artistas até antropólogas. O que se pretendía era iniciar un proceso de comprensión ou aproveitamento de certas marcas sonoras do territorio galego. Hai moitas rochas nomeadas como pedras que responden ou asubían. 

Cal foi o proceso de elaboración da obra?

X.G.: Decidimos marcar dous límites. En primeiro lugar, que as cavidades estiveran documentadas antes de setembro de 1969. Nesta data é cando o Estado español, a ditadura de Franco, permite crear o Comité Rexional de Espeleoloxía Galego, marcando un antes e un despois nas prácticas e que se traduciu nunha maior afección e investigación. Por outra banda, era esencial que tivera interese galego.

Así, a estrutura está dividida en tres capítulos: o máis grande, referido a cavidades que están localizadas na actual galiza; un segundo onde falamos de cavidades das fronteiras por razóns xeográficas ou históricas -non podíamos falar de minas subterráneas na Galiza e deixar atrás As Médulas-; e un terceiro onde tratamos aquelas cavidades que tiveron a galegos por protagonistas. Neste último falamos por exemplo de covas en Suíza, Cuba, Granada ou Marrocos. 

A.C.: Eu escribín o texto inicial, titulado Unha memoria ilustrada do inframundo, no que fago unha memoria libre e punteada de poemas sobre o subterráneo, con constantes idas e voltas entre o propio e o alleo (o europeo ou o global).

Hai momentos no que nos achegamos, por exemplo, as colosais grutas de París, construídas para a Exposición Universal de 1867, mais logo volvemos ás da nosa contorna. Vou apoiándome en poetas e outro tipo de autorías como o xornalista Robert Macfarlane, quen defende que os subterráneos son os lugares nos que verdadeiramente deixamos todo o que tememos, mais tamén o que amamos e desexamos. 

Por iso, na nosa contorna atopamos neste subterráneo as portas do inferno, mais tamén os tesouros. Por outra banda, no libro tamén fixen unha entrevista ao club onde lles pregunto pola súa propia historia, mais tamén pola súa maneira tan característica de practicar a espeleoloxía, desde un punto de vista amplo e que recolle varias disciplinas. 

Que pode chamar a atención dunha persoa que non practica a espeleoloxía?

A.C.: Este é como un libro de libros, un dicionario infinito sobre as cavidades galegas ou relacionadas coa Galiza. Ademais, ao recoller documentación, no libro hai textos escritos por persoeiros como Murguía ou Risco, mais tamén por exemplo por un enxeñeiro de minas. É unha obra tremendamente ampla a que poden achegarse moitos perfís. 

X.G.: Claro, é un tema apaixonante porque vai desde o interese natural ou xeolóxico até o histórico ou etnográfico, ligado a mitoloxía tan variada que temos. Este libro ten interese para os espeleólogos, mais tamén para outro tipo de persoas que busquen coñecer o que hai na súa parroquia ou concello, a entrada do ferrocarril na Galiza ou mesmo os tesouros reais atopados nestas cavidades.