Xeración Alfa

A ampla oferta de podcast en galego protagoniza o novo número de 'Xeración Alfa'

Terceiro número da revista xuvenil 'Xeración Alfa'.
O terceiro número da única revista xuvenil en lingua galega chega esta terza feira aos quiosques con contidos sobre veganismo, Luísa Villalta, podcast... e moito máis!

Esta terza feira, 21 de maio, como todas as terzas do presente mes, o xornal Nós Diario vén con premio. Xunto ao xornal poderás atopar, totalmente de balde, o terceiro número de Xeración Alfa, a única revista xuvenil en lingua galega. A publicación presentouse en sociedade o pasado 7 de maio en Pontevedra e tivo unha grande acollida, con até 6.700 exemplares distribuídos.

Desta volta as protagonistas son as creadoras e creadores de podcast en lingua galega. Dúas décadas despois da chegada deste formato, a 'radio' dixital reúne diariamente miles de ouvintes arredor de todo o mundo. Desde o misterio até a divulgación científica, pasando polos programas de humor, todo ten cabida en Internet. O xornalista Rafa Ruíz-Matas analiza este fenómeno da man dos podcast en galego As Womansplainers, Café Derby 21, Descifrando a historia, Exército Mekemeke, Faiado Podcast e OUké!.

Nun contexto de concienciación medioambiental como o actual, o veganismo gaña terreo na sociedade. Esta filosofía de vida rexeita calquera forma de explotación cara aos animais, e sobre iso, e os vínculos entre veganismo e ecoloxismo, fala Ruíz-Matas na reportaxe de apertura deste novo número de Alfa.

E seguindo co mes das Letras Galegas, a xornalista Ana Loureiro entrevista a escritora María Canosa, que vén de publicar Luísa Villalta. Melodía de Palabras, unha obra coa que reivindicar a figura homenaxeada nestas letras galegas e achegarse a toda a súa complexidade coa música como protagonista. "Luísa non é unha escritora máis, é diferente, e a min interesábame salientar o que a diferenciaba, unha voz recoñecíbel", afirma Canosa nesta extensa conversa.

Detrás dos fenómenos naturais, o cambio climático ou a compra do supermercado hai ciencia e, para poder entendela, explicala e facer o mundo máis sinxelo, a curiosidade é o motor. Ana Loureiro escribe na sección Creando sobre as ramas de Ciencias e a ampla oferta formativa que hai na Galiza, falando con seus estudantes de diferentes carreiras vinculadas a este ámbito que contan as súas experiencias persoais e as motivacións que as levaron por este camiño.

Con apenas 30 anos, Lucía Estévez conseguiu en 2021 un premio Mestre Mateo á mellor serie web e foi finalista na edición de 2024. Falamos con ela e mais con Eira Losada, premio Youtubeiras á mellor canle en 2018, sobre a creación audiovisual na sección Creando, a través dunha reportaxe titulada 'Historias a través do obxectivo'.

A maiores, a creadora de contido Sara Seco recoméndanos neste número da revista unha serie de libros, podcasts e discos para gozar da cultura en lingua galega. Tamén achegamos os eventos máis destacados da semana, os mellores pasatempos para adestrar o cerebro e unha entrevista na contracapa a Olaia Maneiro, das Tanxugueiras.

Todo isto, e máis, no novo número da revista Xeración Alfa, de balde co xornal Nós Diario esta terza feira, 21 de maio. Non quedes sen ela!