O xornalista Alberto Ramos gaña o XVIII Premio Narrativa Breve Repsol con 'Pirotecnia'

Alberto Ramos (Foto: Sabela Iglesias).

Esta é a segunda vez que o compostelán conquista este galardón, após conseguilo en 2022.

 

O xornalista Alberto Ramos gañou o XVIII Premio Narrativa Breve Repsol con 'Pirotecnia', unha obra "narrada cun estilo impecábel" e que constitúe "un excelente retrato da complexa sociedade galega que nos tocou vivir".

O secretario xeral de Lingua, Valentín García, participou esta terza feira na entrega do galardón, xa que o certame conta co apoio da Xunta da Galiza, que busca "reforzar a creación literaria en galego e promover o uso social da lingua".

O representante do Goberno galego, que formou parte do xurado, felicitou o galardoado "tanto polo premio como pola súa novela, plena e orixinal".

O premio leva unha dotación económica de 12.000 euros e a publicación da obra gañadora por parte da Editorial Galaxia.

Á cita tamén asistiron a directora do Complexo Industrial de Repsol na Coruña, Natalia Barreiro; o presidente de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo; e o portavoz do xurado nomeado pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega, Daniel Ugarte.

Precisamente estes últimos definiron a novela como "unha obra narrada cun estilo impecable, que conta cunha habilidade polifónica na que os sucesos relatados vanse entretecendo contrapuntísticamente".

"Pola calidade dos seus diálogos, a caracterización dos personaxes e a apropiada recreación de atmosferas, esta novela constitúe un excelente retrato da complexa sociedade galega que nos tocou vivir", remarcan.

Con este recoñecemento, Ramos convértese por segunda vez en gañador do certame. A primeira vez foi en 2022.

Alberto Ramos naceu en Compostela en 1986 e licenciouse en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela en 2009. Iniciou a súa traxectoria profesional na sección de cultura no diario Xornal de Galicia. Ao pechar a cabeceira, continuou a súa carreira como colaborador en medios como Praza, Nós Diario ou Luzes e especializouse na comunicación de iniciativas culturais.

Entre os galardóns que recibiu, destacan o premio de creación literaria Vicente Risco, que conseguiu en dúas ocasións: en 2012 con Todos os días e en 2018 con A simetría das bestas. En 2014 fíxose co Premio García Barros por Máscaras rotas para Sebastián Nell e en 2023 conseguiu o premio Rafael Dieste de textos teatrais con Conxo, non restraint.