Xosé Manuel Beiras, protagonista da homenaxe 'O Escritor na súa Terra' en 2025

Xosé Manuel Beiras. (Foto: Arxina)
O recoñecemento a Beiras terá lugar en Santiago de Compostela.

O Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) vén de ratificar a escolla de Xosé Manuel Beiras como autor honrado en 2025 co galardón 'O Escritor na súa Terra - Letra E' en 2025, na cidade de Santiago de Compostela.

A AELG xustifica este recoñecemento e destaca, dentro da extensa traxectoria vital de Beiras, a súa faceta como ensaísta e tradutor, así como a súa xenerosa colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, sendo parte do Consello Directivo da Asociación entre 1982 e 1986.

Esta iniciativa anual, que a AELG iniciou en 1995, cando recoñeceu Avilés de Taramencos, en Noia, consolidouse co paso doas anos e conta cunha extensa relación de autoras e autores galardoados.

Tres décadas

A homenaxe 'O Escritor na súa Terra' é xa unha tradición, salienta a entidade, e tense constituído ao longo de case tres décadas "como unha celebración na que a terra natal ou de acollida da persoa homenaxeada ten unha presenza fundamental".

"É vontade da AELG honrar escritoras e escritores procurando o contacto directo coa autora e a súa implicación persoal na xornada de homenaxe. Unha celebración múltiple e popular en que se vén recoñecendo a entidade literaria de insignes figuras das nosas letras, a través dunha serie de eventos como a entrega do galardón Letra E de escritor (unha peza escultórica), a plantación dunha árbore simbólica elixida polo propio autor e a colocación dun monólito conmemorativo".