Xosé Manuel Carril, presidente de Galiza Cultura: "O 'Alba de Groria' segue a ser plenamente vixente"

O profesor da Universidade da Coruña Xosé Manuel Carril. (Foto: Nós Diario)

O 25 de xullo, Día da Patria Galega, Nós Diario virá acompañado dun facsímile de A Nosa Terra que reproduce o Alba de Groria, un galano cortesía da Federación Galiza Cultura. Conversamos co seu presidente, Xosé Manuel Carril (Londres, 1969), sobre esta iniciativa e outras que leva adiante a federación.

 

Grazas á Federación Galiza Cultura, que vostede preside, as lectoras e os lectores de Nós Diario poderán desfrutar o 25 de xullo dun facsímile de A Nosa Terra onde se reproduce o Alba de Groria de Castelao. Como xorde esta iniciativa?

Precisamente provén de reivindicar a figura de Castelao. É unha proposta que se enmarca na campaña titulada "Revivindo Castelao", iniciada en outubro de 2023 cunha lectura pública de Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete. Continúa co aniversario da traída dos restos de Castelao á Galiza, da que veñen de facerse 40 anos o pasado 28 de xuño. E seguirá con este reparto popular do Alba de Groria e cunha nova lectura de Un ollo de vidro, en outubro deste ano.

Digamos que é unha peza máis dunha campaña de difusión da obra de Castelao, a cal é preciso seguir dando a coñecer e seguir tendo en conta. Especialmente nos momentos tan complexos e españolistas como os actuais, no que é necesario seguir bebendo das nosas fontes, que son fontes, se se me permite a expresión, de augas limpas, moi claras e non de augas contaminadas.

E case me atrevería a dicir que seguen tendo toda a vitalidade que tiñan xa no seu inicio. Precisamente porque os problemas ou as causas que determinan a súa existencia persisten.

Ten entón aínda relevancia o Alba de Groria 76 anos despois da súa publicación?
Por suposto! Fíxate que estamos a falar dunha peza de oratoria que se pronuncia con motivo do Día da Patria de 1948. E non deixa de ser un texto que compendia a prosa literaria combativa de Castelao.

Pero case poderíamos dicir que é unha das grandes pezas oratorias da literatura galega, mais tamén da propia política galega. E ademais, porque todo o que figura neste discurso prendeu nas conciencias de xeracións enteiras de galegas e de galegos, pola lucidez poética e pola capacidade de síntese da historia da Galiza. E cunha alusión clara e directa ao pobo galego.

Nesta parte final, cando fala desa "infinita noitedume de luciñas e vagalumes", que son os seres innominados que ninguén recorda, e que todos xuntos forman substrato insubornábel da Patria Galega.

Por suposto que ten vixencia na actualidade, precisamente porque é un clásico, e os clásicos son atemporais. Están por riba do tempo polo seu carácter excepcional.

Hai xusto unha semana, o asociacionismo cultural de base, agrupado na Federación Galiza Cultura e que tamén participa nesta campaña Revivindo, reuniuse en Outeiro de Rei (comarca de Lugo). 
Si, foi o Convivio da Cultura Galega que se fai todos os anos en Outeiro de Rei, onde están sempre presentes Manuel María e Saleta. Nese convivio todas as entidades culturais que forman parte da federación dan conta das actividades que se fixeron durante o último ano e que previamente, o ano anterior, foron acordadas. Entre elas, a homenaxe nacional a Xaquín Marín en Ferrol, a xa mencionada lectura pública de Un ollo de vidro, a exposición itinerante do Carrabouxo, que xa estivo en Ferrol, A Coruña e Compostela, ou a homenaxe nacional que a federación organizou para Luísa Villalta tanto na Coruña, a súa cidade natal, como en Ferrol.

É unha xornada importante, de posta en común de actividades decorridas en todo o país e onde tamén se acorda a programación de actividades para o vindeiro ano. E é unha decisión colectiva, de todas as entidades culturais, porque ao final a cultura nútrese da acción de cada unha destes colectivos, facendo actividades de proxección nacional.


Activismo cultural que non cesa

En Outeiro de Rei (comarca de Lugo) cada ano xúntanse asociacións culturais de todo o país ao abeiro da Federación Galiza Cultura, non só para dar conta das actividades organizadas ao longo do ano, senón para programar as vindeiras. Segundo sinala Xosé Manuel Carril, o próximo ano poderemos agardar a continuación da exposición de Xaquín Marín –que chegou onte a Lugo e que despois visitará Compostela e Pontevedra–, actividades relacionadas con Pepe Carreiro, máis iniciativas para "revivir Castelao" ou máis traballo a prol da restitución do texto fidedigno do Himno Galego, en colaboración con entidades como Vía Galega, entre outras. "O convivio non deixa de ser unha asemblea de todas as asociación culturais do país, que actúan como pequenos vagalumes na noite, dando luz e radiando cultura galega e que xuntas forman unha constelación que é Galiza Cultura", afirma Carril.