Xulio Valcárcel: “Nesa vontade de cantar desde dentro, de ser voz do pobo para o pobo, 'Terra Cha' atinxe unha temática moi varia”
Que representa Terra Chá dentro da obra de Manuel María?
Un fito fundamental, como o demostra o feito de que traballase nese libro preto de medio século… E porque serviu para que Manuel María fose alcumado “Poeta da Terra Chá”, algo do que se sentía moi orgulloso. Cando no 2005, A Irmandade dos Vinhos Galegos quixo ofrecerlle unha homenaxe, fixemos unha edición non venal de milleiros de exemplares producida por Carlos Díaz Martínez, capa de Perfecto Estévez e deseños de Isaac Díaz Pardo. Aínda que sen asinar, a soleira escribina eu, e tamén me encarguei de repartir centos de exemplares entre amigos e coñecidos. Porque de nada vale botar moitos exemplares se despois fican esquecidos en faiados e almacéns. Sabía o moito que o “Terra Chá” significaba para Manuel e quería axudar a divulgalo.
A quen vai dirixido o libro? Con que temática?
Trátase dun libro intencionadamente “popular”, dirixido a un lectorado moi amplo. Manuel María adoptou á mantenta a linguaxe, as ideas e a sensibilidade dos interlocutores aos que se dirixe. É como se quen se expresase fosen os homes e as mulleres da Terra Chá (e por extensión da Galiza interior) e o autor se limitase a darlles voz, a erixirse no seu voceiro. Nesa vontade de cantar desde dentro, de ser voz do pobo para o pobo, atinxe unha temática moi varia que vai da paisaxe, a xente, as feiras e romaxes, pasa pola terra e o labradío, os animais, o tempo no senso meteorolóxico, e remata nas árbores, as cousas e os aveños de labranza.
Como foi a recepción de Terra Chá?
Boa e “in crescendo”. A cada paso, mellor. A primeira edición estaba composta por 55 poemas breves; nas sucesivas edicións (a maioría publicadas en Lugo por Celta) foi engadindo textos (na segunda xa son 92 poemas e 114 na actual). A destacar a edición crítica realizada polo profesor Xosé María Dobarro. Fundamental na divulgación, foron Fuxan Os Ventos, que musicaron con moito suceso “O Carro” e outros poemas.
Considera que segue vixente hoxe?
O propio Manuel María era consciente de que moitos traballos, ritos, costumes e tradicións que recolle en “Terra Chá” son hoxe “etnografía histórica” e non obstante os poemas conservan a súa forza e o seu sentido, primeiro como produtos literarios e, segundo, por ese propio valor histórico, para que as novas xeracións coñezan a vida e o vivir dos seus devanceiros.
Subscríbete
As subscritoras e subscritores recibirán as entregas do coleccionábel, de terzas a sextas feiras, cada día con Nós Diario, ben en papel ben para a lectura na nube, en función da modalidade elixida. Se non es asinante, podes sumarte en nosdiario.gal, ou ben podes reservar o diario en papel nos quioscos.