O xurado deixa declara deserta a VIII edición do premio Narrativas Quentes

O Narrativas Quentes é un premio literario de literatura erótica que convoca Edicións Positivas desde 2002. Pode concorrer calquera obra narrativa inédita, sexa novela ou relatos, escrita en galego. O premio consiste na publicación da obra en Edicións Positivas.  O xurado decidiu declarar deserto o premio desta edición, 2018. Asemade, o xurado aconsella á editora que, sempre que o premio quede deserto, convoque o premio para o ano seguinte, sen necesidade de agardar outro dous anos. “Consello que aceptamos e incluímos nas bases do Premio para o próximo ano, e que adxuntamos agora mesmo”, indica a editora.

 

Non é a primeira vez que este premio fica deserto, xa foi así nas edicións de 2012 e 2006. Entre as gañadoras do galardón hai nomes como Emma Pedreira, Eva Moreda ou Alberte Momán.

 

As bases para a edición de 2019 establecen que poderá concorrer a este premio calquera obra narrativa inédita, sexa novela ou conxunto de relatos, cunha extensión mínima de 60 folios mecanografados a dobre espazo (30 liñas de 65 espazos como máximo) e máxima de 120, que estea escrita en lingua galega, e que a temática e o léxico teñan relación co sexo, co erotismo.

 

O prazo de presentación é até o 1 de outubro de 2019 e o fallo do xurado farase público o 1 de decembro de 2019