50 anos de historia do fútbol de veteranos, compilados nun libro

Leira, González Formoso, Carreira e López Carro, conversando sobre o volume. (Foto: Deputación da Coruña).
A obra está editada pola Deputación da Coruña.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o seu homólogo da Asociación de Fútbol de Veteranos da Coruña (AFVC), Vitorio Carreira; o deputado de Deportes, Antonio Leira; e o responsábel de Relacións Externas da AFVC, Luís Ángel López Carro, presentaron esta segunda feira na sede do ente herculino un libro que conmemora os 50 anos da entidade e no que se repasa, a través de distintos artigos, actas, documentos e centos de fotografías a historia deste medio século de fútbol veterano na comarca.

Trátase dunha historia que comezou en 1973, cando un pequeno grupo de afeccionados ao fútbol de distintos clubs que xa pensaban no retiro reuníronse nun bar da rúa Barrera da Coruña para organizar o primeiro campionato para maiores de 30 anos, nunha xuntanza que foi o xermolo dunha AFVC que se constituiría oficialmente en 1974.

"Celebramos medio século de historia e de paixón polo fútbol na Coruña", afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, quen destacou o "traballo constante" da AFVC, que permitiu integrar o fútbol veterano na Federación Galega de Fútbol e sumar máis de 90 equipos, cuns 2.500 xogadores na provincia.

Sobre o volume, Formoso salientou que nas súas máis de 200 páxinas fica "parte da memoria de moitas persoas, de vínculos de amizade e compañeirismo que permanecen ao longo dos anos", e puxo en valor o "arduo" traballo de compilación de documentación realizado pola AFVC cos distintos clubs de fútbol, federacións e hemerotecas para completar este proxecto.

A idade de ouro do libro de fútbol en galego

Este libro súmase así á coñecida como "idade de ouro do libro galego", pois xa sexan ensaios, relatos curtos, novelas ou bandas deseñadas, desde os principais selos editorial do país a firmas independentes lanzáronse de cheo a un eido até non moito proscrito a causa deses prexuízos que non poucas veces separan artificialmente deporte e cultura.