Fútbol

A RFEF confirma Riazor como sede do Mundial 2030

Estadio Abanca-Riazor. (Foto: RC Deportivo)
A candidatura de Balaídos decae finalmente.

A Real Federación Española de Fútbol vén de facer pública a relación de estadios que serán incluídos como candidatos a albergar encontros da Copa do Mundo da FIFA de 2030, así como as subsedes, tras o traballo desenvolvido durante os últimos dous anos polo Comité Executivo no marco da candidatura conxunta do Estado español con Marrocos e Portugal. E o estadio coruñés de Riazor será un dos escenarios do maior evento do fútbol mundial; non así o de Balaídos, en Vigo, que finalmente fica excluído.

Para definir as sedes, explican desde a RFEF, analizáronse todas as posibilidades, tamén a de ampliar até 13 estadios, unha opción que debe tomarse por unanimidade das tres federacións e que foi exposta o pasado mes de xuño polo CSD. "A RFEF traballou por esta opción intensamente, trasladándolla aos seus socios de candidatura pero consideraron que debe respectarse a normativa FIFA, onde se estabelecen 20 sedes como máximo, o que supón que o Estado español contará con 11", indican.

Para definir as sedes, aplicáronse "unha serie de baremos e criterios obxectivos", en liña co estabelecido nos requisitos de candidatura da FIFA. E en total definíronse 11 estadios, elixidos nunha avaliación que tivo en conta aspectos como o proxecto técnico, operatividade, estrutura financeira e dotación das cidades sedes, ademais do cumprimento dos requisitos documentais e contractuais.

Os estadios que se formarán parte da candidatura mundialista son: Anoeta (Donostia), Camp Nou (Barcelona), Gran Canaria (As Palmas), La Cartuja (Sevilla), La Rosaleda (Málaga), Metropolitano (Madrid), Nueva Romareda (Zaragoza), RCDE Stadium (Cornellá-El Prat), Riazor (A Coruña), San Mamés (Bilbao) e Santiago Bernabéu (Madrid).

Así mesmo, determináronse as 45 subsedes que se proporán no dossier oficial, entre as que se atopan as dúas cidades deportivas do Celta: A Madroa, en Vigo, e Afouteza, en Mos. No estadio celtiña, porén, non se disputará ningún partido do Mundial.