A xustiza levanta o embargo ao Deportivo e admite o concurso

O clube poderá cobrar de Mediapro. A empresa que levará a administración concursal traballou en procedementos polémicos como Afinsa e Fórum Filatélico.

 

A xuíza titular do Mercantil número 2 da Coruña, Zulema Gento, levantou o embargo do Deportivo da Coruña e admite o concurso de acredores do clube. O Depor poderá cobrar case 10 millóns de euros de Mediapro polos seus dereitos televisivos, até hoxe embargados por Facenda. O clube coruñés solicitara o pasado 8 de novembro o preconcurso de acredores. outra das decisións da xuíza foi nomear a AD Cryex coma a empresa que leve a administración concursal.

A empresa coruñesa ten un amplo historial neste tipo de casos. Un dos seus administradores, Francisco Prada, participou no proceso concursal do Celta de Vigo. AD Cryex, aliás, traballou moito con Josep Piqué cando era ministro no goberno de Aznar. Nesa etapa levou temas tan polémicos como a quebra de Ercros, Afinsa e Fórum Filatélico.