París 2024 | Atletismo

Adrián Ben, fóra das semifinais do 800

Adrián Ben, esta quinta feira. (Foto: RTVE)
O atleta de Viveiro quedou segundo na súa serie e non conseguiu por tempo ningún dos dous billetes que quedaban por repartir na repesca.

Non puido ser. Adrián Ben non estará finalmente na semifinal desta sexta feira (11.30h) do 800m masculino. Escapoulle o billete directo na primeira rolda eliminatoria nos últimos metros e acabou cuarto, e volveulle escapar na repesca.

Esta quinta feira o atleta de Viveiro acabou cruzando a meta na súa manga en segunda posición, só superado polo mexicano Jesús Tonatiu López, que lle sacou apenas 24 centésimas. Dado que só o primeiro de cada serie da repesca tiña garantido o billete tivo que agardar ao resto de series, pois tamén pasaban os dous mellores tempos totais.

E Adrián Ben (1:45.37) foi o máis rápido de todos os corredores que non quedaron primeiros nas tres primeiras mangas, pero na cuarta até seis atletas pararon o crono con tempos inferiores ao seu, polo que finalmente ficou fóra da semifinal.