O aeromodelismo galego busca o relevo xeracional

Concentración do Club Estela de Teo este sábado, 14 de setembro. (Foto: Club Estela RC)
Unha das prácticas menos coñecidas dos deportes aeronáuticos, o aeromodelismo, precisa xente nova. Malia contar na Galiza con trece clubs e 278 licenzas, moitas das actividades dependen de organizacións con moitos anos ás costas. É o caso do Club Estela, de Teo (comarca de Compostela), que tivo que suspender algunhas por falta de participación. Esta pasada fin de semana realizaron a súa concentración anual, un evento que teñen en común todas as entidades que se dedican a esta modalidade.

O aeromodelismo, unha das especialidades deportivas que acolle dentro de si a Federación Galega de Aeronáutica (FGA), anda á procura de atraer a xuventude. É certo que coa chegada dos drons hai un maior achegamento aos voos non tripulados mais a disciplina tradicional que implica, na maior parte das veces, a construción do propio aparello está quedando en mans da xente de maior idade. Con todo, a Galiza conta na actualidade con trece clubs e un total de 278 licenzas. 

Unha das persoas que vive esta realidade é o presidente do Club Estela RC, José Vieiro, que con 75 anos, continúa á fronte dunha entidade con membros "dunha media alta de idade", como explica a Nós Diario. Cada ano realizan unha concentración nas instalacións que teñen no lugar da Torre, na parroquia de Cacheiras en Teo (comarca de Compostela), onde arrendaron un terreo fechado de 70.000 metros cadrados que alberga unha pista asfaltada de 15 por 160 metros e un hangar onde gardan material e modelos. A actividade, que esta edición decorreu o sábado pasado, serve "como evento de convivencia e tamén de mostra do que é o aeromodelismo coa intención de sumar xente nova". Asistiron, entre outros o Club Gaivotas, da Coruña mais con instalación de voo en Cerceda (comarca de Ordes) e o Furaventos, do Porriño (comarca de Vigo). 

Potenciar a práctica

Con algo máis de 50 membros, o Club Estela conta con pilotos que conseguiron gañar trofeos. É o caso de Javier Barreiro, Francisco Puente, Juan Carlos Barcala, Secundino Coto, Jesús Nieto e Óscar Fariña. "Cando comecei a practicar, este deporte era algo prohibitivo, non como agora", recoñece. A razón de que isto acontecera foi "a entrada de produtos da China, sobre todo en temas de emisoras e motores", puntualiza. Neste sentido, entende que o aeromodelismo galego "está moito mellor, por exemplo no tema de frecuencias e equipos de radio, mais falta mocidade que se anime a entrar neste deporte". Esta circunstancia non só afecta o club en si, tamén ás súas actividades. 

Co aeromodelismo Domínanse técnicas para traballar a madeira, a fibra de vidro ou o carbono, ademais de principios de voo

O vicepresidente do club e tamén piloto, Jesús Nieto, sinala a Nós Diario que esta tempada tiveron que suspenderse varias probas "por falta de asistencia", algo que "tamén aconteceu na Coruña". Con todo, no club teense aseguran que "seguirán organizando probas". Ademais, aproveitan as concentracións doutras diferentes entidades para estabelecer contactos e trocar impresións. As seguintes serán en Cerceda o 22 de setembro (organizada polo Club As Gaivotas) e en Ourense o 5 de outubro  (coordinada polo Club Aeromodelismo Ourense). 

A modo de reclamo para gañar afeccionadas e afeccionados, José Vieito lembra que a práctica do aeromodelismo é moi completa. "Domínanse unha serie de técnicas, como por exemplo traballar a madeira, a fibra de vidro ou o carbono", argumenta, "e despois apréndense uns principios de voo", agrega. Coa intención de iniciarse, a entidade comeza cada ano en outubro un curso, que remata cara ao mes de marzo, no que se dan as primeiras nocións para entrar neste deporte.

Traballo desde a Federación Aeronáutica

Desde a federación, un dos membros do comité técnico de aeromodelismo e presidente do Club Furaventos, Miguel Ángel Juncal, admite a Nós Diario que esta disciplina é "moi importante dentro do organismo" sobre todo polo "número de licenzas".  Os adestramentos e competicións realízanse "sempre" nas instalacións dos clubs e contan con varias especialidades que dependen "do tipo de avión e da contorna". Segundo Juncal, "basicamente coinciden en ser probas acrobáticas que se diferencian no tipo de avión". Neste sentido o tipo de aeronave e as probas marcan as modalidade.

Por exemplo, o responsábel federativo sinala os veleiros, "que non teñen motor e son remolcados para coller altura e despois, ao baixar, ten que realizar unha serie de exercicios". Outro caso é o F3M, "acrobacia con grandes modelos de máis de dous metros de envergadura", como explica Juncal. A última incorporación ao aeromodelismo foron os denominados 'drons'. "Teñen unha categoría específica denominada S9U drons de carreiras, unha variación dos que a xente coñece que realizan fotografías", indica o responsábel federativo.

Para facilitar a práctica do aeromodelismo coa nova normativa -algo máis restritiva- desde a FGA adaptaron e crearon, nos últimos anos, regulamentos de competición. "Temos en conta as achegas que fan os clubs segundo as súas necesidades", afirma Miguel Juncal.

Volve o Criterium a Castro de Rei

O Real Aeroclub de Lugo volve co seu Criterium Aeronáutico Galiza a Castro de Rei (A Terra Chá). Do 27 ao 29 de setembro, o aeródromo das Rozas acollerá unha gran variedade de actividades pensadas para que o público poida participar e achegarse ao mundo da aviación. Haberá bautismo de paracaídas, voos de introdución, exposición de avións non tripulados e de todo tipo de aeronaves. Ademais de amosar avións e helicópteros históricos, terá presenza o aeromodelismo.