Ano novo, vitoria nova

Celta-Valladolid
Celta e Depor comezan o ano con vitorias. O Lugo non pasa do empate no seu propio campo e sorte desigual en 2º B con vitoria para o Coruxo F.C. e derrota para o CD Ourense.


Cinco meses sen gañar en liga en casa é moito tempo. O Celta comezou o ano fiel ao seu xogo e desta vez, diante do Valladolid, tivo a sorte de transformar en goles o seu bo fútbol. Herrera apostou por unha dianteira formada por Iago Aspas, Mario Bermejo e Park coa orde de presionar ao rival. Ambos dous equipos precisaban os puntos e no tardou moito en caer o primeiro gol. Foi no minuto 8 obra de Iago Aspas a pase de Krohn-Dehli. Reaccionou o Valladolid e tres minutos despois un erro de Javi Varas fixo que Bueno acadara o empate de penalti. Tamén de penalti conseguiu Iago Aspas o seu segundo gol que tranquilizou á parroquia cando faltaba un cuarto de hora para rematar o primeiro tempo.

Na segunda parte ambos dous equipos tiveron posibilidades de sumar tantos ao marcador. Para ledicia d@s siareir@s celtiñas Álex López tivo o seu día e marcou un deses clásicos goles para a foto: disparo forte e lonxe das mans de Dani Hernández. O Celta queda no posto 15º da clasificación a tres puntos do descenso.  

A Lendoiro saíulle ben a xogada, polo menos este primeiro partido do ano para un Depor que superou en Riazor a un Málaga con menos ambición da prevista.

Din que cando trocas o adestrador tes media vitoria, ou vitoria enteira. A Lendoiro saíulle ben a xogada, polo menos este primeiro partido do ano para un Depor que superou en Riazor a un Málaga con menos ambición da prevista. Notouse a presenza de Domingos Paciência desde o inicio do encontro. André Santos e Aranzubia saíron por Valerón e Lux, foi o toque persoal do novo adestrador portugués.

As primeiras oportunidades foron para Bruno Gama e Pizzi, este último cun certeiro disparo d efalta que foi á madeira. Após estas oportunidades reaccionou o equipo de Pellegrini e a piques estivo de dar un susto aos galegos. O marcador non se moveu até a segunda parte cando Pizzi aproveitou un erro de Jesús Gómez para adiantar aos da Coruña. Os andaluces tentaron o empate, mesmo coa saída de Saviola ao terreo de xogo mais a defensa estivo no seu sitio até o final, algo que agradeceron @s siareir@s branquiazuis acostumad@s ás sorpresas negativas. Rematou así o partido coa primeira vitoria do Depor neste 2013 e tamén a primeira de Domingos como adestrador en Riazor. O Depor deixa o último posto da clasificación grazas, tamén, á derrota do Osasuna diante o Sevilla.

Partido sen goles entre o Lugo e o Guadalajara. Oportunidades houbo. Máis para os galegos que tentaron marcar en varias ocasións e presionaron en todo o terreo de xogo. Iago Díaz e Pita a piques estiveron de conseguir os tres puntos para o equipo de Quique Setién mais entre o porteiro e a defensa do Guadalajara conseguiron que o encontro pechara co mesmo resultado que o do inicio. O Lugo suma un punto e continúa na zona media da clasificación, no posto 13º, con 27 puntos.

A visita do CD Ourense ao filial do Real Madrid non foi positiva. O efecto campo foi quen de estar por riba do traballo dos xogadores de Luisito. Así, cos presión dos brancos chegaría o gol de Burgui no minuto 17. O Ourense buscou o empate e conseguiuno Jona no minuto 33. Con este marcador chegaría o descanso. Na segunda parte o Ourense intensificou o seu xogo mais foi o Real Madrid C quen marcou no minuto 56 despois que Mariano aproveitara un balón na área dos galegos. Dous minutos despois, o tempo de sacar de centro este gol, Iván realizou un pase en profundidade a Noguerol que só diante do porteiro branco conseguiu o empete a dous. A resposta do Real Madrid C foi tamén rápida. No minuto 61, despois dunha xogada colectiva, Aguza marcaba o terceiro e definitivo gol que deixaría ao Ourense sen marcar nesta saída. Os de Luisito continúan na zona media da clasificación con 25 puntos.

O Coruxo continúa a sumar puntos en casa. Nesta ocasión a súa vítima foi o San Sebastián de los Reyes. Ingún dos dous equipos fixo moito por gañar e os puntos case foron para o menos malo. Abriu primeiro o marcador o equipo visitante despois dunha xogada en que a defensa e o porteiro do Coruxo tiveran un desencontro que aproveitou con habilidade Ismael. Chegouse ao descanso con este marcador á espera dunha reacción do equipo de Antonio Gómez. E chegou. O Coruxo saíu ao ataque e empataba o encontro Jonathan Reguero de cabeza. Logo viría o 2-1 obra de Antúnez no minuto 73. xa non se movería o marcador para ledicia d@s siareir@s do Vao. Con este resultado o Coruxo segue na parte alta da clasificación, no posto 8º, con 29 puntos.