París 2024 | Piragüismo

Antía Jácome, á final C1 200 en busca da medalla

A pontevedresa Antía Jácome celebrando o pase á final do C1 200. (Foto: AFP7 / Europa Press)
A pontevedresa foi terceira na súa semifinal.

Antía Jácome terá este sábado, ás 13:50 horas, unha última oportunidade de subir ao podio na súa proba fetiche, o C1 200. Nesta modalidade conseguiu en Toquio 2020 o seu primeiro diploma cun meritorio quinto posto e logrou tamén dúas pratas en campionatos mundiais e unha prata e un ouro nos europeos.

E hoxe, na súa semifinal, saíu a por todas desde o principio decidida a botar os restos para meterse na gran final como terceira e loitar polos metais. Como primeira da serie de Jácome clasificouse a canadense Katie Vincent, bronce no C2 500 esta sexta feira. E segunda quedou a estadounidense Nevin Harrison, actual plusmarquista olímpica —44.93 en Toquio 2020—.

Foi unha semifinal especialmente rápida e axustada que se decidiu por centésimas. A padexeira galega parou o crono en 45.62, só seis décimas máis que Vincent (45.01) e tres sobre Harrison (45.30). O seu tempo foi o sexto mellor das súas series, polo que deberá facer un esforzo extra e superar os seus mellores rexistros na final para poder loitar polos metais.

As outras clasificadas foron a cubana Yarisleidis Cirilo Duboys (45.31); a belarusa Yuliya Trushkina (45.32), que debido á expulsión de Rusia e Belarús compite con bandeira neutral; a canadense Sophia Jensen (45.66); a chinesa Lin Wenjun (45.70), e a húngara Kincso Takacs (46.38).

Quedaron fóra da gran final a ucraína Liudmyla Luzan, bronce en Toquio, e a polaca Dorota Borowska, cuarta naquela cita olímpica, polo que das finalistas de París só queda Harrison das que daquela ficaron por diante de Jácome.