O Trofeo Emma Cuervo resiste aos novos paradigmas do fútbol e alcanza a súa LXXIII edición

Javi Rey, agora na 'Ponfe', triunfou o ano pasado cos do Carballiño. (Foto: SD Ponferradina).
Arenteiro e Ponferradina coliden no segundo torneo de verán máis antigo.

O Trofeo Emma Cuervo de Ribadeo é o segundo torneo de verán máis antigo de todo o Estado. Fundado en 1952, tan só o Teresa Herrera da Coruña conta con máis historia que unha proba que, como todas as do seu tipo -algunhas tan importantes como o Cidade da Línea, o Cidade de Alacante ou o outrora importantísimo Vila de Madrid xa nin sequera se disputan- leva atravesando graves dificultades para subsistir desde comezos do presente século, minguando significativamente a calidade dos conxuntos participantes.

Porén, neste 2024 a gran cita ribadense, despois de tocar fondo en 2022 cun cartel que enfrontou os filiais do Lugo e do Deportivo, recupera algo de prestixio programando un choque entre o Arenteiro e a Sociedade Deportiva Ponferradina ás 19 horas de hoxe no Municipal Pepe Barrera.

Campioa en 2019 após superar o Real Oviedo (1-0), a escuadra berciana, unha das grandes favoritas a rematar en primeiro posto no Grupo '1' da Primeira Federación e obter así un ascenso directo que a tempada pasada foi para o Dépor, colide coa principal revelación da 2023/24, o Club Deportivo Arenteiro. 

O choque será moi especial para o preparador da Ponferradina, Javi Rey, pois até o pasado 30 de xullo era o técnico dun conxunto do Carballiño que está de loito logo de dicir adeus a unha das súas afeccionadas máis coñecidas, Asunción Pérez, que durante anos seguiu os partidos de Espiñedo desde o balcón da súa casa, orientado a un dos fondos do coliseo.

O Lugo presenta Yayo González e Berto Vaquero

O Club Deportivo Lugo presentou dous novos reforzos: Yayo González e Alberto Vaquero. O primeiro, un centrocampista 'box to box', non ocultou a súa "fame" de éxitos, mentres que o segundo, outro medio, confesou que escolleu os albivermellos sobre outras tres opcións.

Estrea das Nosas

O próximo sábado, 10 de agosto, será unha xornada que pase á historia do Real Club Celta de Vigo, pois a súa recentemente creada sección feminina, coñecida oficialmente como As Celtas, competirá no seu xogo inaugural. Trátase dun encontro amigábel nos campos da Madroa ás 19 horas contra o Umia, entidade da que procede Eva López, dianteira chamada a ser un dos nomes 'Top' das Celtas.