Meira ascende á ACT e eleva a tres as traiñeiras galegas a competir na elite do remo

Samertolameu de Meira

Samertolameu venceu con contundencia nos play-offs de ascenso á Liga San Miguel-ACT, competición na que acompañará en 2015 a Cabo e Tirán.

Samertolameu de Meira unirá en 2015 as súas paladas ás de Cabo de Cruz e dos seus paisanos de Tirán para representar a Galiza na elite das traiñeiras, a Liga San Miguel-ACT. O triunfo esta fin de semana en Portugalete da embarcación de Moaña nos play-offs de ascenso devolve os de Meira á primeira liña do remo, onde estiveran en 2009, e pon o ramo a unha temporada magnífica: Samertolameu foi a campioa da Liga galega de Traiñeiras-A.

A tripulación de Meira impúxose nas dúas xornadas do play-off. Na primeira, con contundencia e na segunda sen permitir a remontada coa que soñaban as traiñeiras de Getaria e Zumaia. A outra traiñeira galega que competía na fase de ascenso, Amegrove, quedou en cuarta posición.

Nivel superior

Samertolomeu era a gran favorita nas apostas para o ascenso. Na Clasificatoria da Kontxa xa amosara credenciais, cun nivel superior ás rivais coas que se batía nesta fase de ascenso. Aliás, contaba entre os seus remeiros con xente como Luis Pazos, que sabe o que é gañar a bandeira da Kontxa (logrouno con Urdaibai e con Astillero).

Así pois en 2015 a Liga San Miguel-ACT contará con tres traiñeiras galegas: Samertolameu de Meira, Tirán e Cabo. As dúas primeiras, do mesmo concello, Moaña, algo que no mundo do remo, a ese nivel, poucas vilas poden presumir (Pasaia).

Cabo e Tirán

Esta fin de semana finalizou a Liga San Miguel-ACT cunha regata en Portugalete na que Cabo de Cruz finalizou segunda, tras Kaiku, a mellor clasificación dos barbanzáns nesta temporada. Hondarribia meteuse no peto a Liga e Cabo finaliza cuarta na Xeral, sendo Tirán sétima.