París 2024

Así será a innovadora cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de París

Últimos preparativos para a apertura á beira do río Sena, esta quinta feira. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
A ourensá Támara Echegoyen será unha das abandeiradas do COE esta sexta feira.

Por vez primeira na historia dos Xogos, a cerimonia de apertura non se celebrará no interior do estadio olímpico, pois o tradicional desfile das delegacións de cada Estado decorrerá a través das augas do río Sena. Será un percorrido de seis quilómetros, de leste a oeste, que rematará en Trocadéro, aos pés da Torre Eiffel, onde se completarán os protocolos habituais das Olimpíadas e onde tamén se congregarán cada día miles de persoas para recibir as e os deportistas gañadores de medallas no que a organización denomina o Parque dos Campións.

E será tamén un evento aberto ao público, pois as persoas que desexen achegarse ao Sena para ver desfilar as e os mellores deportistas de todo o mundo non terán que pagar entrada para se situaren nos peiraos superiores; só nos inferiores, desde a ponte de Austerlitz —o punto de partida— até a de Iéna.

A cidade, en alerta

Centos de miles de espectadores e espectadoras que non perderán detalle grazas ás 80 pantallas con altavoces situadas ao longo do río parisino, así como outros tantos millóns desde as súas casas no planeta enteiro. Con todo, suporá un dos maiores retos para a organización e as autoridades francesas, que contarán con decenas de miles de policías tanto do país como chegados doutros como o Estado español.

Toda a información, en 'Nós Diario' e as nosas redes sociais

Na tarde desta quinta feira ultimábanse os preparativos no centro da cidade, onde varias paradas de metro foron clausuradas temporalmente e o tráfico quedou cortado ao paso de vehículos nos puntos 'quentes' da cerimonia, para un espectáculo que comezará ás 19.30 horas e que poderá seguirse por televisión en TVE e o minuto a minuto en Nós Diario, que informará desde o corazón do Sena, e as nosas redes sociais.

Este ano a regatista ourensá Támara Echegoyen, campioa olímpica —a primeira muller galega en conseguilo— en Londres 2012 canda a coruñesa Sofía Toro, será a abandeirada do Comité Olímpico Español xunto ao padexeiro balear Marcus Cooper.