A PREVIA | O Atleti ameaza a xeira dun Celta aínda invicto en Balaídos

Giráldez afronta con optimismo o encontro.
Vicente Guaita e Carl Starfelt no partido do domingo en Bilbo. (Foto: AFP7 / Europa Press)
photo_camera Vicente Guaita e Carl Starfelt no partido do domingo en Bilbo. (Foto: AFP7 / Europa Press)

Seis vitorias, dous empates e ningunha derrota é o balance que firmou o Celta en Balaídos desde que o porriñés Claudio Giráldez tomou as rendas do primeiro equipo o pasado mes de marzo. Con el no banco, os celestes marcaron en todos os seus partidos como locais agás no primeiro —empate a cero co Rayo Vallecano—, sumando un total de 19 goles a favor por volta de nove en contra. E no presente curso os rexistros non poderían ser mellores en Vigo: pleno de vitorias. Un 'tres de tres' que, porén, tamén se repite nos partidos como visitante, mais á inversa, pois os celestes, que marchan novenos na clasificación con nove puntos, aínda non foron quen de puntuar a domicilio.

Esta tarde, a partir das 21 horas, Giráldez terá a difícil misión de defender a súa imbatibilidade ante un dos rivais que máis se atragoan normalmente en Balaídos, o Atlético de Madrid, que esta tempada aínda non coñece a derrota —é cuarto con 12 puntos, con tres triunfos e outros tantos empates—. Os de Diego Simeone son os que menos goles encaixan de toda a liga —tres até o momento—, e a historia recente xoga ao seu favor, pois a última vitoria dos celtiñas remóntase a setembro de 2018 (2-0), hai máis de seis anos, daquela con Antonio Mohamed aos mandos. E os seis enfrontamentos das últimas tres campañas, tanto en Balaídos como no Metropolitano, concluíron cos madrileños levando os tres puntos.

Porén, Giráldez négase a asinar calquera resultado que non sexa o triunfo. "Non vou preparar nunca un partido para quedar 0-0", asegurou esta cuarta feira en rolda de prensa. "Podemos seguir falando das cousas negativas que estamos a facer, pero ás veces esquecemos as positivas, e creo que estivemos en todos os partidos para poder gañar, que fomos con personalidade a campos tan complexos como os tres nos que xogamos", dixo.

Preguntado pola fraqueza defensiva do equipo, a principal materia pendente, insistiu na súa idea de xogo: "Afrontaremos cada partido coa idea de sermos protagonistas e asumindo riscos, e cando o fas pode penalizar".

Para este encontro o adestrador porriñés non poderá contar con Óscar Mingueza, lesionado en San Mamés o pasado domingo —aínda que podería estar recuperado para o Girona—, mais si cun Javier Manquillo que volve a unha convocatoria da que cae, de novo, Tadeo Allende.

Comentarios