Balonmán

Atlético Guardés e BM O Porriño comezan unha nova tempada apuntando alto: así afrontan o curso

Bos resultados para Guardés e O Porriño nas tres primeiras xornadas de liga. Os dous conxuntos confían en ir mellorando sensacións a medida que avance o calendario e as xogadoras vaian collendo ritmo de competición. Esta tempada as porriñesas estréanse en competición europea. As guardesas son primeiras e as porriñesas non lles perden a pista desde a terceira praza.
Cecilia Cacheda, do Atlético Guardés. (Foto: Xoel Gil)
photo_camera Cecilia Cacheda, do Atlético Guardés. (Foto: Ana Vicente / Sportcoeco)

O Atlético Guardés comezou a tempada de forma inmellorábel: tres vitorias nos tres primeiros partidos de Liga. "Aínda que especialmente nos primeiros partidos da tempada os resultados soen traer sorpresas, cos equipos con moita gana de demostrar e sorprender, fomos quen de cumprir totalmente os obxectivos que nos fixaramos antes de comezar", afirma Ana Seabra, adestradora do conxunto da Guarda, a Nós Diario. A técnica lusa asegura que afrontan a tempada a curto prazo, pensando en cada partido e sendo conscientes de que nunha liga como esta os partidos doados non existen.

Como en todo inicio, detéctanse cousas aínda por pulir. Aínda que no partido do sábado as guardesas se impuxeron folgadamente ó Zuazo Barakaldo na Sangriña cun 30–20 a favor das locais no luminoso, o certo é que as xogadoras amosaron certa falta de concentración e ritmo de competición. En ataque sucedéronse os fallos á hora de finalizar, algo que noutro partido pode saírlle caro á escuadra dirixida por Seabra.

A pesar de que o número de xogadoras que compoñen o Atlético Guardés non é o máis amplo da liga —15—, a adestradora de orixe funchalense confía no grupo que leva adestrando dende a súa chegada ao banco tras a destitución de Cristina Cabeza en maio. Aínda que polo momento os resultados acompañan, Ana Seabra confía en recuperar cando antes ás mancadas María Sancha e Blažka Hauptman, importantes para encarar a tempada coa máxima posibilidade de rotación posíbel.

Hauptman comezará esta mesma semana a adestrar co grupo para ir recuperando sensacións e ritmo de competición logo da súa lesión. O caso de María Sancha é máis complexo, pois a palentina, unha peza importante no equipo á hora de incrementar o ritmo de xogo e atopando ocos nas defensas rivais, cumpre a súa cuarta tempada na Guarda. Porén, a súa incorporación á pista terá que agardar despois de romper o terceiro metacarpo da man dereita hai un mes e medio. Desde o club non teñen un prazo estimado para a súa recuperación, pero polo ben da xogadora e do equipo agardan que poida despregar o seu xogo cando antes.

O Guardés aspira a "rematar o máis arriba posíbel" na clasificación

"Unha das causas polas que estamos aí arriba é que todas as xogadoras contan con minutos, saben que cada unha delas é importante para min e para o equipo", di a técnica. Ás xogadoras do Mecalia Atlético Guardés súmanse tamén tres xuvenís que están dispoñíbeis para dar o salto ao primeiro equipo cando Seabra requira a súa presenza. "O noso obxectivo para a tempada non pode ser outro que rematar o máis arriba posíbel na táboa, pero a liga é longa e competitiva e non se trata só de como comeza", afirma.

O Guardés é un dos equipos chamados a ser favoritos na competición e amosar un ano máis o seu bo xogo. Os resultados das primeiras xornadas non fan máis que aumentar as expectativas e, por iso, a adestradora chama á calma, a manter os pés no chan e pensar no 'partido a partido'.

BM O Porriño

A outra equipa galega da máxima categoría do balonmán estatal, o BM O Porriño, comezou a campaña cun partido na primeira xornada ante o Barakaldo que deixaba unhas sensacións inmellorábeis entre as filas porriñesas. Porén, na visita ás Illas Canarias da segunda xornada o equipo dirixido por Ismael Martínez tivo máis dificultades para atopar o seu xogo. As dúbidas que presentou o equipo nos intres finais do encontro remataron por custarlles un punto, sen poder rascar máis que un empate (21–21) ante o Rocasa Gran Canaria. "Agardamos non ter que lembrarnos dese punto ao final da tempada", lamenta o adestrador porriñés en conversa con este xornal, que vía c0mo escapaba a vitoria nunha pista moi complicada pero na que conseguiron firmar un grande encontro.

Na terceira xornada ligueira, que se disputou o pasado sábado, as porriñesas non eran quen de rematar de romper o partido ao seu favor. Finalmente, o Porriño puido afianzar a vitoria na casa ante un rival moi complicado e directo como é o BM Granollers (25-22). "Tivemos unha pretempada moi curta, polo que aínda estamos tentando atopar sensacións e o noso nivel real", afirma Ismael Martínez. Aínda con certas dúbidas, o equipo foi quen de sumar cinco puntos dos seis posíbeis nos tres primeiros encontros para colocárense terceiras na táboa.

O conxunto porriñés busca seguir escalando posicións na clasificación respecto á pasada campaña, na que rematou en cuarta posición. A pretensión non é doada, pero si é a meta dun equipo que, ademais, quere mellorar o seu desempeño na Copa, na que caera en cuartos de finais.

Porén, a grande ilusión do BM O Porriño para esta tempada non é outra que a terceira competición europea, a Copa Europea da EHF, na que se estrean. "Somos debutantes, pero queremos chegar o máis lonxe que o devir da tempada nos permita", sinala Ismael Martínez.

Para iso, o adestrador cangués contará cun cadro curto, formado por 14 xogadoras, que sumará compoñentes do filial e do equipo xuvenil á disciplina do primeiro equipo. Ir dando minutos á base sempre foi outro dos obxectivos e piares polos que tanto dende o club coma o propio adestrador apostan na medida en que a competición o permita.

Un calendario moi complexo e apertado para os dous equipos

E sta fin de semana toca descanso para ambos os equipos nas competicións de clubs, pois o paro de seleccións polos compromisos internacionais adía os encontros ligueiros. Xa en outubro, ao Atlético Guardés agárdanlle encontros complexos contra rivais potentes. O día 5 viaxa até Canarias para enfrontarse ao Rocasa. A seguinte xornada, o día 12, recibe o Granollers na casa. O 19 de outubro desprázase até terras rioxanas para medirse co Sporting La Rioja no que será o último partido de outubro, xa que na última fin de semana do mes hai de novo paro por partidos de seleccións.

O BM O Porriño debuta este curso nunha competición continental

Pola súa banda, o BM Porriño visita A Rioxa o 1 de outubro, xusto antes de encarar o primeiro partido da Copa Europea. Na súa estrea continental recibirá o Brixen italiano, o vindeiro 4 de outubro, no primeiro de dous partidos. O seguinte será o día 6 e a afección porriñesa poderá desfrutalo na casa. De novo en liga, o seguinte choque será ante o actual defensor do título ligueiro, o Bera Bera, tamén como local o día 16. E o 19 de outubro, desprazamento a Valladolid para xogar ante o Aula e fechar un mes que semella intenso para o equipo dirixido por Ismael Martínez.

Co paso das xornadas ambos os equipos confían en ir atopando sensacións que de momento, en determinados intres dos encontros, non se perciben, se ben os resultados si van acompañando.

Comentarios