O atletismo galego retoma os grupos de adestramentos
Despois de varios días de extremo confinamento, as autoridades sanitarias anunciaron hai tres semanas os horarios para poder saír adestrar ao aire libre. Atletas de todo o país aproveitaron a ocasión e empezaron a estirar as pernas de forma paulatina para evitar lesións.
Até o de agora os adestramentos que puideron facer foron individuais. A maioría delas continúa co plan que lles envían os seus adestradores e cada atleta realízao pola súa conta, tanto nas súas casas como ao aire libre.
A partir de hoxe, 25 de maio, continúa o desconfinamento e o camiño cara a normalidade, co que se retoman os grupos de adestramento, co que se poderán renovar esas novas dinámicas,
Manuel Furacán Furtado, da Sociedade Ximnástica de Pontevedra, conta como “esta desescalada axuda a que os adestramentos dos fondistas volvan á normalidade” que vivían antes da chegada do coronavirus.
O seu compañeiro Carlos Porto, pola súa banda, leva varios días saíndo a adestrar ao aire libre, pero ao principio “custou volver ao ritmo de traballo”.
Aproveitando a area da praia
Antía e Daniel Chamosa, ambos os dous marchadores, teñen a “sorte” de adestrar xuntos. Durante a corentena aproveitaron o mini ximnasio que teñen montado en casa coas cintas e a bicicleta. A Dani Chamosa este confinamento chegoulle despois dun tempo de parón debido a unha lesión; polo que a volta foi “aínda máis difícil”. Con todo, el mírao como un punto positivo para “valorar e gozar máis do que nos gusta” e, sobre todo, “como un tempo de repouso en metade da tempada que serve para mellorar e dedicarlle máis tempo a aspectos que durante un ano atlético non se pode”.
Pero non só os fondistas ou marchadores están a gozar da nova liberdade do desconfinamento. Anxo Blanco aproveita a area da praia e dos parques “para buscar algo parecido ao foso, xa que as pistas de atletismo seguen pechadas”. Con todo, aínda que as instalacións aseméllanse, “as condicións obrigan a que os adestramentos non sexan coma se estivésemos en condicións normais”.
No que si coinciden todos e todas as atletas da Sociedade Ximnástica de Pontevedra é en que “o mantemento e a mellora para volver máis forte para a continuación das competicións” resulta fundamental.