A PREVIA | Día histórico para un Baxi Ferrol que quere seguir coa súa 'Oda á Alegría' en Europa

Gala Mestres no tiro libre durante a final da Copa Galiza 2024. (Foto: Federación Galega de Baloncesto)
Despois da vitoria folgada conseguida a domicilio na ida, A Malata recibe o OMEPS Battipaglia italiano nun partido no que o Baxi Ferrol dirixido por Lino López tentará selar a súa participación, por primeira vez na historia, nunha competición continental, a Eurocup. O equipo semella estar a adaptarse ben para afrontar unha nova e especialmente exixente tempada.

Club, xogadoras, corpo técnico, afección e a cidade de Ferrol en si agardan con degoiro a tarde desta quinta feira (20 horas). A cidade estaleira quere seguir mirando, nunha noite máxica, as estrelas europeas. Ese mesmo sentimento amósao o adestrador, Lino López: “Estamos moi ilusionadas coa primeira cita do Baxi Ferrol na Eurocup, é algo histórico para o club”, afirma o técnico de orixe ferrolán en conversa con Nós Diario.

O certo é que non é a primeira vez que o Ferrol clasifica para disputar este torneo, mais nas dúas anteriores ocasións non puidera chegar a participar por motivos económicos. “Esta vez si foi posíbel. Isto é grazas ó esforzo de moita xente, entidades, empresas, club, afección… Poder vivir unha cita histórica para todo Ferrol e a comarca é moi ilusionante e ten que ser unha festa para todas, queremos desfrutalo”, comenta López.

A cita está marcada no calendario do club e no corazón da súa afección, por iso o adestrador incide en que o seu obxectivo é facer un bo partido que permita as seareiras que se acheguen até A Malata gozar dun bo encontro.

“Penso que aos ferroláns este partido lémbranos á andaina do OAR Ferrol por Europa, hai xa uns 40 anos”, lembra con saudades Lino López. De feito, o Baxi Ferrol xogará este partido cunha camisola conmemorativa en lembranza daqueles tempos gloriosos do OAR. “Eu, como ferrolán, non podo evitar ter as emocións a flor de pel nun partido histórico para todas”, afirma o adestrador.

No deportivo, as ferrolás chegan ao encontro despois de colleitar unha vitoria moi folgada (47-89) en Battipaglia (Italia). O certo é que, cunha diferenza de 42 puntos, a eliminatoria parece practicamente decidida. Cun parcial no comezo do partido de 12-2 para as ferrolás o choque púñase de cara. O resultado do primeiro cuarto, un 27-8 favorábel ás xogadoras dirixidas por Lino López, condicionou xa desde inicio o partido. Isto fixo que a confianza do equipo medrase e despregase un nivel moi alto, especialmente en defensa. As xogadoras italianas non foron quen de meterse no encontro nin de atopar o seu xogo, polo que a diferenza de puntos foi cada vez máis ampla.

“Nós tentaremos facer o noso partido e medrar como equipo. Seguir coñecéndonos mellor na pista, traballando e afrontar o encontro como o que é, unha fase previa de Eurocup onde cada minuto conta” pide Lino López ás súas xogadoras de cara ó partido que se desputará na Malata.

As chaves do Battipaglia

O Battipaglia é un equipo que renovou esta tempada practicamente todo o seu cadro de xogadoras. Unha das pezas máis importantes das italianas é a exterior Giovanna Smorto, Esta, xunto a Marie Benson, procedente da liga rusa, serán dúas das claves a vixiar polas xogadoras ferrolás se non queren sufrir no encontro. “Xa no partido de ida déronnos moitos problemas e agora temos que solucionalos para non volver caer nos mesmos erros”, explica López.

Outro nome a ter en conta é o de Unique Drake. Esta base estadounidense de gran calidade exterior é outra das xogadoras do conxunto battipagliesi coas que as ferrolás terán que esmerarse especialmente en defensa. “Unha das chaves do bo partido que fixemos no partido de ida foi a boa defensa e marca que fixemos de Drake. Practicamente non tirou a canastra en ningunha ocasión sen estar debidamente defendida, polo que tamén impedimos que entrara nunha xeira anotadora, algo moi propio dela” aclara o adestrador ferrolán. As indicacións de Lino López pasan, entre outras, por non deixar que esta xogadora se sinta cómoda en ningún momento no decisivo partido desta tarde.

O duro calendario do Baxi

“Eu sempre digo que antes ou despois hai que xogar contra todos os equipos”, resolve Lino López, en relación ó calendario de partidos ó que se enfronta o seu equipo na Liga Endesa. O equipo ferrolán terá que acostumarse a xogar partidos de Eurocup entre semana, combinados coas xornadas ligueiras os sábados ou domingos. Un ritmo de competición ao que, de momento, ningunha xogadora do equipo está afeita.

Ao Baxi Ferrol agárdalle un inicio de tempada trepidante. Nas catro primeiras xornadas terá que xogar contra equipos moi potentes, que a pasada tempada amosaron un gran nivel e dos que se espera que ocupen de novo as primeiras posicións da táboa. Na segunda xornada as ferroláns viaxarán até terras catalás para enfrontarse ao Uni Girona, que rematara cuarto no último curso. Inmediatamente despois, A Malata recibe as vixentes campioas de Liga, o Perfumerías Avenida, na cuarta xornada que terá lugar o vindeiro 20 de outubro. “Aínda que nos toca un inicio de calendario duro, o equipo está a traballar ben e moi ilusionado”, confía López.

Caras novas en Ferrol

Son oito as xogadoras novas que vestirán esta tempada a camisola azul ferrolá. Tan só continúan no equipo tres xogadoras da pasada campaña: Àngela Mataix (base), Julie Pospíšilová (escolta) e Gala Mestres (aleiro). Pola súa parte, chegan para unirse á disciplina ferrolá Carlota Menéndez (base procedente do CD Zamarat), Moira Joiner (aleiro estadounidense procedente do Michigan State), Noa Morro (ala-pívot cedida polo Valencia Basket), Blanca Millán (ala-pívot galega que chega desde o Ensino), Alba Sánchez-Ramos (aleiro procedente do Leganés), Mimi Collins (pívot americana do North Carolina State), Jori Davis (escolta procedente do Spar Gran Canaria) e Claire Melia (pívot irlandesa que se incorpora desde o Killester Dublin).