Borja Iglesias debutará como celeste contra o Gil Vicente

O dianteiro galego quere marcar o seu primeiro gol este ano. (Foto: AFP7 / Europa Press).
Novo compromiso de pretempada do Celta.

Cuarto compromiso de pretempada para o Real Club Celta de Vigo. Nesta ocasión, o seu rival será outro conxunto da Primeira División lusa, o Gil Vicente.

O encontro, programado ás 18 horas da sexta feira de novo na Cidade Deportiva Afouteza de Mos, serviralle a Claudio Giráldez para seguir facendo experimentos de cara a pór a punto un bloque do que aínda restan moitas pezas por saír... e por entrar.

Con todo, o principal atractivo para a afección (que poderá seguir o xogo a través da canle de Youtube do Celta) será poder ver os primeiros minutos como celeste de Borja Iglesias.  

Fichaxes e amigábeis na Primeira Federación

O Club Deportivo Lugo, un dos catro representantes da Galiza na terceira categoría masculina estatal, fechou esta quinta feira unha fichaxe que podería ser unha das máis potentes deste mercado.

Trátase do novísimo (19) centrocampista asturiano Yayo González, considerado a gran perla da canteira do Oviedo e a quen pretendían conxuntos do nivel da Ponferradina. Porén, decidiu apostar pola escuadra albivermella, onde xogará cedido até o próximo 30 de xuño. 

Ademais, outra das formacións do país na Primeira Federación, o Arenteiro, disputará esta sexta un amigábel contra a Sociedade Deportiva Compostela  en terreo neutral (Campo de Fútbol de Baltar, Portonovo, Sanxenxo) ás 19.30 horas.

Xa hai cadro para o Trofeo Teresa Herrera

O decano dos torneos futbolísticos de verán, o Trofeo Teresa Herrera, xa coñece o seu cadro de partidos de cara a que será a súa LXXIX edición masculina e a XII feminina.

No referente aos varóns, a organización -que corresponde ao Real Club Deportivo- revelou que o conxunto herculino medirá forzas nas semifinais co Unionistas de Salamanca na sexta, 10 de agosto, ás 20.30 horas. 

Dúas horas antes, ás 18.30, Leganés e Real Oviedo pugnarán polo outro posto nunha finalísima programada ás 21 horas do sábado, sendo o choque polo terceiro e cuarto posto ás 16 horas. Entre medias, concretamente ás 18.30, o Dépor e o Athletic de Bilbao volverán enfrontarse co Teresa Herrera feminino en liza, repetindo así os duelos pola Torre de Hércules de prata que mantiveron en 2017 e 2018, saíndo vitoriosas as leoas en ambas as ocasións.