Bueu reunirá o mellor da billarda e a chave galega na Copa Xunta da Galiza

Unha das finalistas que estarán na Copa, Ainhoa, xogando en Cambados, O Salnés. (Foto: Nós Diario).
A primeira das tres grandes citas para a chave e a billarda (ademais das propias ligas) chegará aos fogares galegos este sábado desde o Morrazo. Case tan importante como a competición e os resultados será a circunstancia de que estes deportes tradicionais consigan medrar en participación.

Este sábado, o campo municipal da vila de Bueu (comarca do Morrazo) acollerá un dos eventos importantes organizados pola Federación Galega de Deporte Autóctono: a Copa Xunta da Galiza de Chave e Billarda. Será o terceiro ano consecutivo que as finais se televisen pola TVG2 (a billarda en directo ás 16.30 horas e a chave o domingo en diferido nun horario aínda por confirmar), unha nova oportunidade de achegarse a estes deportes como ocorrerá con motivo da Super Copa, en abril, e do campionato de seleccións, en xullo. 

O secretario da Federación e xogador de chave, David Castelo, explica a Nós Diario que no caso do seu deporte só poderá verse no Morrazo a final de Primeira División, que enfrontará ao Ans contra o San Cristóbal -primeiro e segundo respectivamente na liga da tempada pasada- e as dúas categorías seguintes disputaranse na Coruña. “O campo de chave de Santa Margarita foi o lugar escollido para as finais de copa de Segunda, entre o Barcala de Cambre e o Galán Riverfran, ademais dos de Terceira División, entre Nostián e o Chave Arteixo”, puntualiza.

No caso da billarda, para chegar ao podio haberá catro semifinais. Na A competirán Berdi, Irene, Antía e Ricar; na B xogarán Xan, Bego, Roy Torres e Novas; na C estarán Enrique, Ainhoa, Aldara e Bonxe; e na C a disputa será entre Abel Ponte, tania, Migui e Luis Camiña.

A Copa en Bueu

Unha das persoas responsábeis de que chegara esta Copa até Bueu foi o concelleiro de Deportes e xogador de billarda que forma parte do Corredoiras, Ricar Verde. En declaracións a Nós Diario recoñece a satisfacción por traer até o seu municipio esta competición. "En principio dan bo tempo e as previsións son boas. Xa estamos preparando todo no campo de fútbol do Bueu para que se monten o campo de billarda e o de chave", transmite. Outro motivo de satisfacción é que estará este sábado tamén na copa xogando ao estar clasificado. "Fixen un esforzo de última hora e nesta na xornada desta fin de semana conseguino", relata.

Sobre a tradición destes dous deportes na súa localidade, Ricar Verde admite que "é máis intensa a de billarda, pero a de chave está revitalizándose". Porén, en ambos os dous deportes tradicionais seguen precisando novas incorporacións. "Gustaríanos que se animase máis a mocidade, agora mesmo en Corredoiras só temos participantes maiores", asegura, "e tamén que se animasen a participar as mulleres", agrega. Neste sentido, indica que "é un deporte moi atractivo e coñeces moita xente", sinala Ricard Verde, "viaxas e fas moitas amizades", engade.

Xogar a final

Entre as que estarán na Copa en Bueu salienta Ainhoa. Esta xogadora do Billarda Armadiña, da parroquia de Combarro, Poio (comarca de Pontevedra), ten dezanove anos e comezou a xogar con doce. Entrou no mundo da billarda despois de asistir a un aberto que se fixo no Campo da Seca de Poio. "Para min o importante foi probar outro deporte alén do fútbol e o baloncesto, non hai que perder as tradicións", entende. 

Comezou a liga tamén este sábado e para ela, como indica a Nós Diario, foi unha sensación de "volta ao colexio, de reencontro co resto do equipo". De cara ao sábado ten "moitas expectativas de facer un bo papel na Copa". Sabe que é unha competición, diferente á da liga, non só por estar coas melloras palanadoras e palanadores do país, senón tamén por ter conciencia de que se retransmitirá en directo pola televisión. "De primeiras podería parecer que ese día teremos presión social mais eu creo que, no meu caso, penso estar relaxada".   

A difusión da billarda

Un dos membros do comité técnico de Billarda, órgano da Federación Galega de Deporte Autóctono, é Xan Rodiño. En declaracións a Nós Diario estima que o feito de que a TVG leve as imaxes deste deporte a todo o país "fai que se saiba que se continúa xogando e que hai deportistas que o practican". El mesmo, como xogador do Lúa de Forza de Sanxenxo, ten claro que "é unha disciplina que non exixe unha condición física especial". Pola contra, precisa "habilidade, ganas e ter conciencia das raíces deste xogo do noso país". Neste sentido, salienta a característica principal que ten, como é que se realiza con elementos fabricados con madeira.

"A súa práctica é popular, sae do propio pobo que empregaba o material que tiña máis a man", refire Rodiño, "e se antes transmitiuse por vía oral directa, agora tamén temos a posibilidade de que se faga a partir da transmisión televisiva". A fórmula iniciouse hai tres anos e forma parte dun convenio coa CRTVG que rematará o ano vindeiro e que, desde a Federación, esperan continuar. Con todo, non queda aquí o traballo de difusión e continuarán tamén coas actividades nos centros educativos agora que vén o novo curso. "Queremos que se introduza dentro de Educación Física para que haxa igualdade ante outros deportes do currículo, o resto dependerá da dinámica que teñan os clubs", conclúe. 

Gharaboto e Cochiqueiros dominan o inicio da liga

O arranque da Liga Galega de Billarda deu os primeiros pasos concretando, de inicio, o dominio de Gharaboto, na Conferencia Rías Baixas, e de Cochiqueiros, na do Noroeste. No primeiro, a estrea foi no terreo de herba artificial do campo de fútbol de Monte da Vila no Grove (O Salnés) con sete equipos e 65 participantes. Salientaron Luís Camiña (Gharaboto), con 22 puntos, e a segunda e terceira posición para Antía (Gharaboto) e Xan (Lúa de forza) con 21 puntos. A próxima xornada será o 21 de setembro. Na Conferencia Noroeste, a inauguración da liga foi no campo de fútbol de Pastoriza, Arteixo. Un total de oito equipos e 63 participantes competiron e destacou Berdillo (Cochiqueiros) con 25 puntos. O podio da individual absoluta levouno Bonxe e o da feminina Irene. A próxima xornada será o 29 de setembro. 

Auxe da billarda

Sexa polos dous anos que levan coas retransmisións televisivas ou polas actividades que realizan desde a Federación e os clubs, o certo é que hai moita ilusión. "Por primeira vez temos 15 equipos competindo na liga", afirma satisfeito Xan Rodiño, "está en auxe participar nesta aventura de facer dun xogo tradicional un deporte", di.