Burela agarda rival na finalísima polo título
Sabor agridoce no fútbol sala galego, especialmente no seo do Burela, pois o conxunto da Mariña viu como de modo practicamente paralelo o seu equipo feminino avanzaba até a gran final do play-off polo título ligueiro, mentres que o masculino deixaba escapar o ascenso á máxima categoría.
As mulleres laranxas lograron coarse na finalísima por quinto ano consecutivo saíndo vencedoras (9-3) nun derbi fratricida ante Poio Pescamar que se disputou no Pavillón Municipal de Vista Alegre de Burela.
Este resultado tan contundente pode resultar enganoso, pois até o descanso a escuadra poiense vendeu moi cara a súa pel, chegando ao intermedio cun resultado de empate a un. Despois da reanudación, e baixo o liderado dunha Peque que se despedirá do que foi o seu club durante unha década cando remate o play-off, o conxunto local pasou a impor por completo o seu xogo.
Agora só queda por coñecer cal será o seu rival na finalísima, pois contra todo prognóstico MSC Torreblanca logrou forzar o partido de desempate fronte o todopoderoso Futsi Atlético Navalcarnero, vixente campión e verdugo laranxa en 2022, após empatar (3-3) no tempo regulamentario e imporse nos lanzamentos de penalti, facilitando así un escenario que é ideal para o Pescados Rubén, xa que non sufrirá o desgaste que si padecerá o equipo ao que se enfronte na final.
Un único tanto separou os homes do ascenso
O Noia Portus Apostoli volverá ser o único representante da Galiza na máxima categoría do fútbol sala masculino estatal, logo do tropezo na primeira rolda do play-off de ascenso do Parrulo Ferrol e de Pescados Rubén Burela na finalísima. Os varóns laranxas colisionaron contra o verdugo da escuadra departamental, Alzira, pero non foi quen de vingar a eliminación do Parrulo.
Logo dunha dolorosa derrota no primeiro partido na quenda de penaltis tras asinar táboas (2-2), o conxunto galego viaxaba a Valencia sabendo que o único resultado válido era un triunfo, pero non puido ser.
A crueldade do deporte manifestouse por completo en forma de derrota pola mínima (1-0) que chegou no último segundo da prórroga, cando Piris perforou a meta de Kaluza a falta de dúas décimas para o final.