París 2024 | Remo

O noiés Caetano Horta, cuarto na semifinal, queda fóra da loita polos metais no dobre scull lixeiro

Dennis Carracedo e Caetano Horta, no estadio náutico de Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 vía Europa Press)
O bote de Horta e Dennis Carracedo empezou ben pero foi incapaz de manter o ritmo de Italia, Grecia e Noruega cando pisaron o acelerador no treito final da regata.

Galiza perde unha das grandes opcións que tiña de medalla nestes Xogos Olímpicos. O remeiro noiés Caetano Horta, diploma olímpico en Toquio 2020, non conseguiu esta cuarta feira o pase á final do dobre scull lixeiro canda o seu compañeiro habitual de bote, o catalán Dennis Carracedo, nunha semifinal da que se descolgaron nos últimos 500 metros e que deu acceso á loita polos metais a Italia, Grecia e Noruega.

Horta e Carracedo pasaron o primeiro segmento, o dos 500 metros, en terceira posición a pouco máis dun segundo de Italia e intentando manter o forte ritmo que marcaban tanto os seus remeiros, Stefano Oppo e Gabriel Soares, como os dous de Grecia, Antonios Papakonstantinou e Petros Gkaidatzis.

Mais ao alcanzar a metade da regata tanto italianos como gregos empezaron a marcar distancia sobre o resto e o bote do noiés sentía cada vez máis perto o alento dos noruegueses Lars Martin Benske e Ask Jarl Tjoem, que pasaron o segmento dos 1.000 metros practicamente á par con Horta e Carracedo, a apenas 13 centésimas.

E no treito final acabaron quedando rezagados, incapaces de manter o ritmo, e acabaron cruzando a meta cun tempo de 6:35.05, case nove segundos máis lentos que o bote de Noruega, que obtivo o terceiro e último billete á gran final após Italia e Grecia.