O calendario condicionará a convocatoria da selección galega

O 'branco' Joselu é baixa segura. (Foto: Europa Press).
Joselu e Lucas Vázquez, baixas seguras pola final da Champions League. Deportivo e Celta Fortuna, con partidos oficiais esa mesma fin de semana.

Foi unha das primeiras cuestións nas que se reparou cando a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) anunciou o regreso da selección galega logo de oito anos de ausencia. Na data escollida (31 de maio, sexta feira) podería resultar imposíbel contar con todas as estrelas do país na convocatoria, dado o intenso do calendario competitivo.

E así será. Polo de agora, xa son dúas as baixas confirmadas, aínda que non oficialmente: Joselu e Lucas Vázquez.

Tanto o dianteiro, heroe da clasificación do Real Madrid para a final da Liga de Campións cos seus dous tantos ao Bayern de Múnic nas semifinais, e o polivalente centrocampista de Curtis estarán na expedición branca que se desprazará até Londres para tratar de gañar a Champions fronte o Borussia de Dortmund o 1 de xuño.

Porén, resulta máis que posíbel que os do Real Madrid non sexan os únicos homes cos que o seleccionador nacional, Diego Martínez, non poida contar. Ese mesmo 1 de xuño no que está programada a Liga de Campións, o Celta Fortuna, filial celeste, xogará o encontro de ida da primeira rolda do play-off de ascenso á Segunda División.

Ademais, o Dépor, flamante equipo da categoría de prata, afrontará esa fin de semana, o 1 ou 2 de xuño, a ida da Final de Campións da Primeira RFEF, o que poría en dúbida a presenza coa Irmandiña de Lucas Pérez.