ciclismo

O Campionato da Galiza de Ciclismo Máster en Estrada decídese en Oroso

Marcos, Álvarez, Tajes e Ortiz. (Foto: FCG)
A carreira polos títulos nacionais será o domingo.

Un percorrido de 70 quilómetros decidirá este domingo, 2 de xuño, quen son os novos campións da Galiza Máster 2024 de Fondo en Estrada, nunha sétima edición do Memorial Fernando Abad que reunirá en Sigüeiro, Oroso (comarca de Ordes),corredores de catro grupos de idade que compartirán pelotón desde as 10.45 horas.

Ademais, e como explicaron desde a Federación Ciclismo Galego (FCG), "en cada unha das categorías en liza haberá unha camisola federativa que conmemorará o Europeo de Ciclocrós que terá lugar en Pontevedra o vindeiro mes de novembro", lembrando, ademais, que o acceso será libre para todas aquelas persoas que estean interesadas en seguir ao vivo o certame continental na Boa Vila.

Na fase decisiva da tempada, os ciclistas Máster-30, Máster-40, Máster-50 e Máster-60 pugnarán por suceder no palmarés os gañadores de 2023 -nunha carreira disputada en Noia-, que foron Pablo Fernández no grupo de idade dos 30 anos, Diego Álvarez no dos 40, José María Tajes no dos 50 e Manuel Prieto no dos 60.

A presentación deste evento, desenvolta esta cuarta feira, tivo como escenario o Parque do Carboeiro, e contou coa presenza de Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG; Alexandre Doval, alcalde de Oroso; Carlos Fernández, concelleiro de Deportes; e Amancio Espiñeira, presidente do Tambre Bike, entre outras persoas implicadas na organización.

Alí explicaron que a liña de saída e a de meta estará situada na Avenida da Garabanxa, e que os corredores terán que dar dúas voltas a un circuíto de 35 quilómetros que ten como epicentro Sigüeiro. O trazado, cun perfil sinuoso, decorrerá por catro concellos -o anfitrión de Oroso, Ordes, Tordoia e Trazo- até a finalización da proba, prevista para as 13.15 horas.