Candela Romero abre a conta de metais no Europeo de Piragüismo Maratón

A padexeira Candela Romero. (Foto: Concello de Pontecesures).
A Galiza viaxou a Polonia con 20 representantes.

A cidade polaca de Poznan acolle desde esta quinta feira e até o próximo domingo, 28 de xullo, unha nova edición do Campionato de Europa de Maratón de Piragüismo da European Canoe Association (ECA), un evento que se desenvolverá até o domingo no Lago Malta.

O combinado estatal viaxa alí, unha vez máis cun núcleo conformado maioritariamente por padexeiros e padexeiras galegas, que alcanzan a cifra de 20, número que se eleva tendo en conta as deportistas fóraneas que militan nalgún dos equipos da Galiza. 

Na súa primeira xornada, abriu a conta de metais para a delegación nacional Candela Romero (Náutico de Pontecesures) no C1 xuvenil, conta que podería ampliarse nos vindeiros días.

Deste modo, hoxe entrará en acción unha boa parte da representación do país, comezando por Emily Fernández (Fluvial de Lugo) no K1 xuvenil; Iker Rey xunto a Héctor Vázquez no C2 xuvenil da mesma categoría de idade; Ana Gorynski (Fluvial de Lugo) e Noa Conde (Escola Piragüismo Cidade de Pontevedra) na proba feminina de C1 Sub-23; e Kevin Longo (As Torres) na mesma carreira, mais na súa modalidade masculina.

Xa o sábado, Tono Campos e Diego Romero entran na terna de favoritos a facerse coa medalla de ouro no C1, mesmo caso de Tania Álvarez e Iván Alonso no K1. Ademais, entre os xuvenís, Borja López promete brillar no K1 e María Lata e Sara García (Ría de Betanzos) no K2.

Finalmente, este Campionato de Europa de Poznan baixará o pano o domingo coas regatas da especialidade K2 senior, onde Iván Alonso unirá forzas con Miguel Fernández, mentres que Tono Campos fará o propio con Diego Romero no C2 para tratar de defender o seu título continental, ao que tamén optan Diego Miguéns e Fernando Busto (As Torres).