Cano e Giráldez, ante o derbi, afrontan a dispar situación de Dépor e Celta B
O derbi entre Dépor e Celta B deste domingo en Riazor (19 horas) chega nun momento especial para ambos os dous equipos. Os branquiazuis veñen de disputar tres xornadas sen gañar e non poden permitirse perder máis puntos, mentres que ao filial celeste pásalle todo o contrario e aspira a disputar unha praza para o ascenso.
Mentres que o equipo herculino ten dificultades para definir en ataque, os da cidade olívica xa son os máximos goleadores da categoría con 43 goles, os mesmos que leva o actual líder, o Alcorcón.
Esta sexta feira foi o día dos adestradores, polo que ambos os dous compareceron en rolda de prensa para dar a súa opinión sobre a súa situación e o derbi en Riazor.
O técnico do Dépor, Óscar Cano, acepta as críticas polos malos resultados aínda que considera que “aos adestradores situáronnos nun lugar que non nos corresponde” e prefire centrarse “no que podo modificar desde o meu cargo”.
Agradece “as palabras do presidente e tamén ao resto do consello que durante a semana me falaron” ademais de eloxiar a actitude da afección, afirmando que “esas son as cousas ás que lle dou valor”.
En relación ao choque do domingo, asegura que "se non gañamos, a distancia coa primeira praza non será insalvábel, mais si moi importante".
Desde Vigo, Claudio Giráldez, recoñece que o de Riazor “é un partido importante para min e para todo o equipo; sobre todo, porque nos pode dar moita confianza e moitas cousas para gañar”.
O do Porriño salienta que ao derbi “hai que darlle normalidade, é un partido de fútbol nunha posición clasificatoria boa, folgada, e a gozalo. Ten unha connotación distinta, mais vale tres puntos".