Carballedo acolle a festa do fútbol amador

Deportistas e técnicos participantes no I All Star realizado en Burela en 2019 (Foto: Futbolinlugo).

O fútbol galego non profesional das comarcas de Lugo ten este sábado unha cita en Carballedo. No campo de Catro Ventos decorrerá o II All Star Futbolinlugo con concursos abertos, un partido entre dúas seleccións femininas e outro das categorías masculinas de Preferente, Primeira, Segunda e Terceira galega.

Máis de setenta xogadoras e xogadores de fútbol das comarcas de Lugo daranse cita este sábado no campo de Catro Ventos da Barrela, en Carballedo, para participar no II All Star Futbolinlugo. Após tres anos de parón pola pandemia da Covid-19. O evento, organizado pola asociación Futbolinlugo que lle dá nome, recupera o espírito da primeira edición en 2019. 

O evento deportivo comezará pola mañá co duelo entre unha selección norte e unha selección sur de fútbol feminino desde as 11.30 horas. Pola tarde haberá concursos de tiro ao traveseiro, saque desde o recanto e matraquiño a partir das 17 horas para rematar cun partido entre os mellores xogadores masculinos integrados nas seleccións de Preferente e Terceira Galega e de Primeira e Segunda Galega a partir das 19 horas. 

Pili Neira repite experiencia

A que fora adestradora nacional galega, Pili Neira, repite experiencia no All Star, agora en Carballedo. A coruñesa dirixirá desde o banco a selección feminina do norte para a que convocou a Jesi (Friol B), Rey (Milagrosa), Berta (CD Lugo), Uxía (San Roque), Mery (Antas), Nati (Comercial), Saray (San Roque), Paula (CD Lugo), Nai (San Roque), Leire (Milagrosa), Vero (Friol B), Lucía (Comercial) e Uxía Rey (Milagrosa).

Neira aseguraba á organización da xornada que “para o fútbol feminino é fundamental esta visibilidade e que se conte con elas". Ademais, indicaba que pensa equilibrar as intervencións “e que xoguen un tempo similar todas as xogadoras, como mínimo 45 minutos. Que o pasen ben é o fundamental". 

A Selección Sur estará adestrada por Ibán Crespo, o actual técnico de Carballedo CF. Para a ocasión conta con Álex Arias e Mougán (ambas do Monte Forte), Lu (Carballedo), Nerea (Friol), Tania (Chantada), María, Chusa e Ana Lamas (as tres do Carballedo), Carmen (Deportivo B), Chena, Henar e Moji (as tres do Monte Forte), Eva (Chantada), Noe Pirés e Nuria (ambas do Antas) e Yanire (CD Lugo). Crespo exercerá de anfitrión tal e como fixera na primeira edición o técnico do Burela, Jesús Rial. 

Convivencia e diversión entre deportistas

Xogadoras e xogadores agradecen esta experiencia fóra da tempada. Noe Pirés, que estivo no I All Star en Burela e na actualidade milita no equipo da SD Antas, sinalaba que agardaba “desfrutar moito” nun evento que, pola súa experiencia, “dá o protagonismo que se merece” ás deportistas das comarcas de Lugo. A xogadora atoparase de novo con compañeiras como Nuria Louzao, “coa que levo compartindo o fútbol desde que eramos cativas” mais tamén agradece “coñecer ao resto” nesta xornada. 

Neste All Star, pola parte masculina, tamén repiten xogadores como Marcos Rodríguez, daquela defendendo a camiseta do Abadín e agora no Cabreiros. Para este xogador a intención é “pasalo ben, convivir con todos os xogadores alí”. Afirma que “é unha xornada bonita porque tamén serve para coñecer novas caras e aos mellores xogadores da provincia”. 

Concursos abertos

O All Star Futbolinlugo procurou ir máis alá da participación nos dous encontros de fútbol. Por ese motivo abriu de maneira aberta unha serie de concursos futbolísticos cos seus correspondentes premios.  

Nesta edición haberá tres certames. O primeiro (17 a 17.20 horas) consistirá en tratar de impactar o balón no traveseiro. Cada concursante gozará de dous intentos por ronda, e aumentarase a distancia en cada ronda até que tan só quede un vencedor.

O segundo é de precisión (17.40 horas) e realizarase por parellas. Os dous membros da parella lanzarán o balón desde o círculo central e terán que metelo nun curruncho de saque de esquina. Unha vez anoten, terán que volver até o círculo central e, desde aí, saír de novo até outro dos currunchos. Cada toque contará como un golpe de golf. Os que completen dous «buratos» con menos golpes pasarán de rondas.

O último será de "fútbol burbulla" (de 17.45 a 18.30 horas), con minipartidos de 2×2 con formato torneo.