Entrevista | París 2024

Carolina García, a biomédica que loitará por unha medalla olímpica: "Ás veces non sei de onde saco as forzas"

De esquerda a dereita, Sara Ouzande, Estefanía Fernández, Carolina García e Teresa Portela, no seu K4. (Foto: RFEP)
O de Carolina García (Pontevedra, 1999) é un caso fóra do común: non sabe ben como, pero consigue sacar tempo para adestrar ao máis alto nivel no piragüismo e estudar Biomedicina e Neurociencia. Ambición non lle falta, pois confía en lograr unha medalla en París e xa se ve cunha carreira investigadora dentro duns anos.

—Quedan poucos días para os Xogos Olímpicos, os primeiros para vostede. Será difícil pensar noutra cousa...
Claro, agora todo se centra niso, en estar o mellor posíbel para os Xogos porque é unha oportunidade que non sei se volverei ter algún día.

—Estivo moi perto de conseguir o billete a Toquio no K2 500, a pouco máis dun segundo en concreto, pero a oportunidade chegoulle agora no K4. Diría que se sente máis cómoda nesta modalidade?
A prioridade agora mesmo é evidentemente o K4, pero tamén me sinto moi cómoda no K2. Sobre todo con Sara [Ouzande], con quen estaba hai tres anos cando case nos clasificamos. É certo que o K2 xa non o fomos adestrando tanto desde entón, pero sempre que montamos vémonos moi cómodas. Mais agora todos os adestramentos están dirixidos ao K4 para os Xogos.

—Catro piragüistas padexando ao unísono, nun deporte no que a vitoria sempre se decide por segundos... Teñen que ter moi boa sintonía e entenderse só con mirarse na auga.
Si, xa nos coñecemos e sabemos entendernos ben. Cando vemos que unha está un pouquiño máis frouxa nun adestramento intentamos animala e tirar dela, e ao final collemos unha dinámica de facer que os adestramentos sexan máis divertidos. Ímonos motivando as unhas ás outras, axudándonos mutuamente e iso creo que nos fai máis fortes.

—Chegan nun bo momento de forma despois do bronce conseguido no Europeo de Duisburgo (Alemaña) de 2023 e o quinto posto na Copa do Mundo de Szeged (Hungría) deste mesmo ano. Cal é o obxectivo que se marcan de cara a París?
Á Copa do Mundo é certo que fomos pensando xa en centrarnos nos Xogos Olímpicos, e o obxectivo en París é claramente a medalla. Faremos todo o posíbel por estar no podio.

—Confía entón en regresar á Galiza coa súa primeira medalla olímpica pendurada do pescozo?
Eu quero pensar que si, que o conseguiremos. E tampouco podo pensar outra cousa...

—Comparte vostede equipo cunha lenda deste deporte como Teresa Portela. Que supón traballar man a man cunha medallista olímpica que vai por nada menos que os seus sétimos Xogos Olímpicos?
É moi ilusionante e todo un reto ir aos Xogos con ela. Sempre que competimos xuntas no K4 é unha seguridade tela aí, sabes que as cousas sairán ben.

—Nótase a veteranía.
Si. Nos adestramentos ela sempre aporta un punto de vista desde a experiencia, sabe dicirnos como podemos mellorar e en que estamos fallando, e iso vennos moi ben.

—Falamos de Teresa Portela por facer historia con esas sete participacións nos Xogos, pero o seu é tamén un caso salientábel: deportista olímpica, con todo o que iso require... e ademais licenciouse vostede en Biomedicina e agora estuda un Máster en Neurociencia. Como é posíbel compaxinar o deporte de alto nivel cunha rama de estudos nada sinxela como a que elixiu?
Non che vou mentir, é bastante difícil. Hai días nos que chego tan rebentada do adestramento que non sei de onde saco as forzas para estudar, pero sempre intento sacar un pouquiño de tempo. Ao final, ao ser algo que me gusta, faise un pouco máis fácil. Eu tiven a sorte de elixir o que quería estudar e ver que acertei.

—Vostede xa ten comentado en diferentes ocasións que ten unha forte vocación investigadora. Porén, aínda pode ter unha longa e exitosa traxectoria no piragüismo por diante. Onde se ve dentro de, digamos, 10 ou 15 anos?
A miña carreira está bastante enfocada á investigación. Desde o principio, todo o que nos ían ensinando os profesores ía encamiñado á rama investigadora, e iso fai que che vaia picando un pouco a curiosidade e teñas ganas de seguir coñecendo máis. Agora mesmo é certo que non é moi compatíbel co deporte, pero espero poder dedicarme a iso dentro duns anos, sobre todo a investigación enfocada ás enfermidades.

—Pero de momento aínda ten a intención de seguir medrando no piragüismo.
Si, mentres poida, seguirei explotando ao máximo o deporte. E se mentres podo ir xa estudando un pouco e seguir formándome, pois moito mellor.

—E agora que se achega o momento da verdade... que lle din os seus familiares e amizades? Deben estar máis emocionados que nunca por vela competir nuns Xogos.
Si, pero tampouco se fala moito do tema, non me queren meter moita presión. Xa saben que eu estou totalmente centrada nisto, non fai falta que mo recorden.

O cuarteto das galegas aspira a todo en París. (Foto: RFEP)

—Vaina acompañar alguén en París?
Virán os meus pais, o meu irmán, a miña curmá, o meu noivo... bueno, bastante xente.

Un cuarteto con serias opcións de medalla

Non cabe dúbida de que o kayak de Carolina García estará na loita polos metais en París. Canda ela compiten a canguesa Teresa Portela, a asturiana Sara Ouzande —considerada deportista galega de alto nivel— e mais a estremeña Estefanía Fernández, un cuarteto que se fixo co bronce no Europeo do pasado ano cun tempo (1:31.955) que valería un ouro nos Xogos de Toquio, se ben cada carreira é un mundo e os tempos son dificilmente comparábeis debido aos múltiples factores que concorren á hora da verdade.

Daquela o ouro foi para o equipo húngaro, do que de cara a París só queda a padexeira Tamara Csipes, campioa tamén na mesma modalidade en Rio 2016. O 'Día D' será o 6 de agosto, cando as galegas disputarán as series clasificatorias. E dous días despois, no caso de superalas, verémolas loitando polos metais.