París 2024 | Piragüismo

Tres récords olímpicos, a enésima final de Teresa Portela e o pleno de éxitos da Galiza na xornada inaugural de sprint

O K4 500 de Sara Ouzande, Estefanía Fernández, Carolina García e Teresa Portela, esta terza feira, en Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 / Europa Press)
O K4 500 de Portela pasa á gran final na que a canguesa buscará a súa segunda medalla olímpica, o que a convertería na primeira muller galega en conseguilo. Tamén conseguiron pasar de rolda á primeira, nestes casos a semifinais, o K4 500 masculino, o C2 500 masculino e feminino e o K2 500 masculino —o feminino conseguiuno na repesca-.

Comezou a semana grande do olimpismo galego da mellor forma posíbel. Esta terza feira Galiza tiña representación en cada unha das seis probas que deron o disparo de saída ao piragüismo sprint, e houbo practicamente pleno de éxitos nestas primeiras series eliminatorias: cinco de seis certificaron o pase directo á seguinte fase —a final no caso do K4 500 feminino e as semifinais no resto—.

A primeira hora deste día solleiro situábanse na liña de saída do estadio náutico de Vaires-sur-Marne o betanceiro Carlos Arévalo e o cangués Rodrigo Germade canda os seus compañeiros habituais no K4 500 masculino, Saúl Craviotto e Marcus Cooper, o cuarteto que conseguiu a prata en Toquio 2020. Alí subiron ao máis alto do podio os alemáns Max Lemke, Max Rendschmidt, Ronald Rauhe e Tom Liebscher, os mesmos, coa excepción de Rauhe —substituído en París por Jacob Schopf—, que se volveron impor ao K4 dos galegos, que comezaron en cabeza, na segunda serie clasificatoria desta terza con récord olímpico incluído (1:20.51).

A batalla non se decidiu até os metros finais, cando a piragua de Alemaña botou os restos nun último sprint que a converteu en plusmarquista por apenas nove centésimas de diferenza co tempo asinado por Arévalo, Cooper, Craviotto e Germade, que tamén superou a anterior mellor marca da historia dos Xogos e asegurou unha praza nas semifinais.

Saúl Craviotto, Carlos Arévalo, Marcus Cooper e Rodrigo Germade, no K4 500 masculino. (Foto: AFP7 / Europa Press)

Inmediatamente despois foi a quenda do K4 500 feminino, no que a estremeña Estefanía Fernández, a asturiana —con licenza galega— Sara Ouzande, a pontevedresa Carolina García e, como non, a sempiterna Teresa Portela, que fixo historia ao debutar na que é a súa sétima cita olímpica consecutiva —a primeira foi Sydney 2000—.

Coa canguesa aos mandos, o K4 mantivo un forte pulso con Nova Zelandia até o momento mesmo de cruzar a meta que se saldou a favor das oceánicas... mais por apenas cinco décimas de diferenza. As de Portela, ademais, sacaron case un segundo de vantaxe a Polonia, terceira, para entrar pola porta grande na final polas medallas.

O K4 500 de Sara Ouzande, Estefanía Fernández, Carolina García e Teresa Portela, esta terza feira, en Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 / Europa Press)

O segundo récord olímpico da xornada —e iso que estamos aínda nas roldas previas— chegaba na terceira proba, o C2 500 masculino, e a piques estiveron de conseguilo os debutantes Joan Antoni Moreno (Balears) e Diego Domínguez (Madrid, pero con licenza galega e afincado no Grove)... pero escapou por menos de catro décimas e lográrono os chineses Hao Liu e Bowen Ji (1:37.40). Non se soubo quen gañara até que a organización tirou de photo finish. En calquera caso, obxectivo cumprido: Moreno e Domínguez pasaron directos ás semifinais tras unha brillante estrea nos Xogos.

Joan Antoni Moreno e Diego Domínguez, no C2 500 masculino. (Foto: AFP7 / Europa Press)

E na mesma proba, pero feminina, as canadenses Sloan MacKenzie e Katie Vincent voaron sobre a canle de augas tranquilas para fixar o novo récord olímpico do C2 500 en 1:54.16, após unha intensa pugna coa canoa da pontevedresa Antía Jácome e a madrileña María Corbera, que nos metros finais resistiron o envite de Hungría —acabáronlles sacando máis dun segundo, a mesma distancia á que ficaron de Canadá— para se clasificaren a semis como segundas.

Antía Jácome e María Corbera, no C2 500 feminino. (Foto: AFP7 / Europa Press)

Non conformes con procurar a súa segunda medalla olímpica no K4 500, Arévalo e Germade subiron ao caiac dobre para buscar o pase no K2 500... e conseguírono. A parella galega fixo unha soberbia regata con todo aberto até o final e con apenas sete centésimas separando os vencedores, Polonia, dos terceiros, Canadá. Eles foron segundos a só unha centésimas dos polacos.

Carlos Arévalo e Rodrigo Germade, no K2 500 masculino. (Foto: AFP7 / Europa Press)

Tamén dobraron nesta xornada García e Ouzande nun K2 500 feminino no que non tiveron a mesma sorte. Incapaces de manter o alto ritmo que marcaban Polonia e Suecia na súa serie, acabaron baixando a marcha para se reservaren para a segunda oportunidade que tiveron na repesca e cruzaron a meta quintas a máis de oito segundos das primeiras... e obxectivo cumprido tamén na repesca. Seis de seis para o piragüismo galego hoxe.

Carolina García e Sara Ouzande, no K2 500 feminino. (Foto: AFP7 / Europa Press)