Catro equipos e un único obxectivo: volver gañar

Os celestes, moi tocados animicamente logo da dura derrota ante a Real Sociedade, precisan erguerse e pasar páxina ante o Raio. (Foto: La Liga).
Os representantes galegos nas tres principais categorías do fútbol Estatal precisan volver sumar de tres en tres puntos se non queren afastarse de cadanseus obxectivos, sendo o Deportivo quen  teoricamente o debería ter máis doado, pois recibe en Riazor o Zamora, antepenúltimo clasificado da liga.

Dicía o adestrador do Celta, Eduardo Coudet, nada máis rematar o partido ante a Real Sociedade no que os seus xogadores caeron derrotados ante o líder de Primeira División a pesar de ser moito mellores que os seus rivais que estaba "alporizado" co fútbol. Pero se algo caracteriza o deporte rei, ademais da súa crueldade, é que non é rancoroso, sempre dá segundas oportunidades.

Por iso, os celestes terán esta segunda feira, primeiro de novembro (18.30 horas), a oportunidade de obter o desquite a costa doutro dos equipos revelación da categoría, o Raio Vallecano. Os madrileños, contra todo prognóstico, ocupan a quinta praza da Liga, a só dous puntos do segundo clasificado, e chegan a este choque ante o Celta tras superar o Barcelona no Camp Nou e, de paso, provocar a destitución de Ronald Koeman como técnico blaugrana.

O Sporting trae consigo a primeira festa pos Covid

Movendo o foco á categoría de prata, o Club Deportivo Lugo encara un reto de non menos magnitude que o do combinado olívico, pois recibe hoxe ás 18.15 horas un Sporting de Xixón situado no terceiro posto na táboa e que está considerado como un dos grandes favoritos para, como mínimo, disputar o play-off de ascenso.

Acompañando á escuadra branquivermella estarán 1.900 seareiros e seareiras astures con boleto, cifra que podería elevarse até as 3.000 persoas contando aquelas que non accederán ao coliseo lucense. O regreso da coñecida como Mareona por vez primeira desde o inicio da pandemia da Covid-19 supón unha moi boa nova para a hostalería local, en especial para os bares do centro da cidade das Murallas.

Outra noticia excelente, neste caso para o preparador albivermello, Rubén Albés, é que a enfermería comeza a baleirarse logo da praga de lesións padecida nas últimas semanas, destacando de entre todas elas a recuperación do mellor futbolista do Lugo no mes de setembro, o dianteiro Manu Barreiro

O liderado, a tiro do Dépor

A diferencia de Celta e Lugo, o Deportivo da Coruña colisionará cun conxunto da zona baixa, o Zamora, instalado na antepenúltima posición. Unha das revelacións do seu grupo o ano pasado na Segunda B, os zamoranos non están facendo alarde neste inicio de campaña 2021/22 da solidez e a fortaleza que os caracterizaban, especialmente na súa casa, polo que parece unha vítima propiciatoria para un Dépor que non se pode permitir máis fallos se non quere perder o tren do liderado.

Con todo, Borja Jiménez, técnico deportivista, fixo un chamamento a frear a euforia arredor dun encontro programado ás 17 horas de hoxe: "Non debemos pensar no Zamora da zona baixa, senón en que chega o que a tempada pasada quedou por diante do Dépor e que xogou o play-off, cousa que nós non fixemos".

A maiores, pediu calma á afección, pois "construír un equipo é moi difícil", explicando que "en outubro non se ten un bloque feito, nin en novembro nin en decembro. É cuestión de tempo, algo que pode levar cinco, seis ou sete meses".

O Celta B, pola súa banda, tamén xoga na casa, recibindo ás 12 horas de mañá á sempre seria Unión Deportiva Logroñés, que precede o filial celeste en dous puntos nunha clasificación na que ocupa o quinto posto. Por sorte para os galegos, todo o poderío que caracteriza á UD nas Gaunas, onde so sufriu un tropezo, desaparece a domicilio, sumando unicamente dous puntos lonxe de Logroño no que vai de campionato.

Finalmente, o terceiro e último representante da Galiza na Primeira RFEF, o Rácing de Ferrol, xogou na noite de onte ante o Maxadahonda e volveu cun inmellorábel 0-2, tantos anotados por David Rodríguez e Kevin Presa.