O Celta acaba noveno unha gran tempada após caer pola mínima en Mestalla

Celta

A despedida de Luis Enrique non puido ser con vitoria pero o conxunto celeste acaba na metade alta da táboa unha magnífica Liga, que gañou o Atlético de Madrid con tanto de Godín, central uruguaio que en 2005 foi titular co seu país en San Lázaro, contra a selección galega.

A remonta do Valencia no seu estadio (2-1) impediu que o Celta rematase unha sensacional tempada no oitavo posto, que finalmente foi para os levantinos, cos vigueses como novenos, na metade alta da clasificación da Liga, moi preto de Europa, sinal dun traballo ben feito.

Na xornada final, que era a despedida de Luis Enrique -seguramente próximo adestrador do Barcelona- os celestes comezaron adiantándose por medio de Íñigo López, mais Feghoulli e Piatti acabaron dándolle o triunfo aos locais, sen que o Celta deixase de apostar polo xogo combinativo e valente que amosou todo o curso.

Agora o club vigués afronta unha nova etapa, que pode ser comandada polo Toto Berizzo desde o banco, e na que terá que renovar o plantel, que pode perder a xogadores tan importantes como Rafinha pero no que se espera que dean un paso á fronte xente da casa como Santi Mina e, mesmo, Denís Suárez, que volvería a Vigo cedido polo Barça.

A Liga estatal foi gañada polo Atlético de Madrid, que empatou (1-1) no campo do outro aspirante, o Barcelona. A igualada foi grazas a un tanto -xa histórico- de Godín, central uruguaio que foi titular coa súa selección en 2005 en San Lázaro, no partido que supuxo o regreso da selección galega de fútbol, que se impuxo 3-2.