O Celta asalta Mestalla e dá forma ao soño europeo

Imaxe: LFP

O Celta asalta Mestalla e dá forma ao soño europeo

Vencer en Mestalla non é doado, mesmo cando o Valencia se atopa en momentos baixos. Sábeo ben o Celta que acumulaba 14 anos – desde 2002- sen obter unha vitoria no campo ché. Logrouna este domingo, nun partido traballado e serio que abre as portas dos célticos a soñar con Europa. O Valencia precisaba a vitoria e foi un rival perigoso, que se ben xogou con altibaixos, nunca deixou de ser rocoso e firme. Así foi durante 70 minutos. Mais os últimos 20 foron nos que o Celta marcou os seus dous tantos e converteu Mestalla nun polvorín contra o seu propio adestrador.

No minuto 79 marcouse un dos goles da xornada. Gran pase de Nolito e xenialidade de Orellana, con deixada de tacón a Guidetti, que marcou dun tiro potente e axustado. E poucos minutos despois, taconazo de Planas (que entrou en substitución de Guidetti) para Hugo Mallo, quen regatea o seu marcador, gaña a liña de fondo e remata con potencia, sen case ángulo, para marcar o segundo gol dos celestes.

Ficha

Valencia CF: Ryan, Vezo, Mustafi, Santos, Siqueira (Gayá, min.51), Danilo, Javi Fuego, Santi Mina, Rodrigo (Feghouli, min.71), André Gomes, Alcácer (Negredo, min.79)

RC Celta: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Jonny, Marcelo Díaz, Wass, Beauvue (Pape Cheikh, min.71), Orellana, Nolito (Bongonda, min.88) e Guidetti (Planas, min.83)

Goles: 0-1, min.79: Guidetti; 02. Min.84: Hugo Mallo

Árbitro: Undiano Mallenco.