Carvalhal xa non é adestrador do RC Celta de Vigo

Carlos Carvalhal, durante o partido ante Osasuna. (Foto: AFP7 / Europa Press)

É o adestrador número 18 que marcha do club vigués desde que Mouriño é presidente.

O RC Celta e Carlos Carvalhal dan por finalizada a súa vinculación contractual como adestrador do primeiro equipo vigués.

Trátase dunha nova xa adiantada esta semana mais que desde o día de hoxe faise oficial. As palabras do adestrador na previa do último partido de Liga xa se presentaban como unha despedida e, após o encontro e unha vez garantida a permanencia, aseguraba ante os micrófonos que non se ataría ao contrato —que expiraría en 2024— se non había consenso co Celta de cara á vindeira campaña.

O club emitiu na mañá deste sábado un comunicado no que quixo “expresarlle a Carvalhal e aos seus axudantes o seu máis sincero agradecemento pola profesionalidade e honestidade que mostraron desde a súa chegada o pasado novembro a Vigo”.

 

 

Na breve misiva, o club vigués deséxanlle a “maior das sortes” ao adestrador portugués no seu futuro profesional e persoal.

Carlos Carvalhal tamén tivo palabras de agradecemento para o Celta de Vigo e para a súa afición, un club "ao que tivo o orgullo de representar". "Para min foi un auténtico privilexio e só teño palabras de agradecemento", publicou o portugués nas súas redes sociais. 

 

 

Carvalhal agradeceu a afición "polo cariño recibido desde o primeiro día e o seu apoio incondicional ao equipo sempre". O portugués despídese do club "orgulloso" de que o Celta se manteña "onde merece: a Primeira División no ano do Centenario". "A partir de agora serei un celista máis desde a grada. Volverei", conclúe o adestrador.

18 adestradores en 17 temporadas

Carvalhal chegou a Vigo hai apenas 8 meses, logo de que o club presidido por Carlos Mouriño rescindise o contrato do arxentino Eduardo Coudet. 

Antes deles estarían Óscar García, Fran Escribá, Miguel Cardoso, Antonio Mohamed... e a listaxe continuaría até sumar un total de 18 adestradores en tan só 17 temporadas.