O Celta cumpre e pasa a cuartos de final de Copa

Imaxe: RC Celta

Derrota o Valencia en Balaídos (2-1) nun partido case de trámite.

Non foi o mellor encontro que se viviu en Balaídos, desde logo. O Celta cumpríu: derrotou o Valencia e clasificouse para cuartos de final da Copa do rei, unha competición coa que o celtismo comeza, aínda timidamente, a soñar. A vantaxe traída de Mestalla (1-4) daba tranquilidade aos celestes, se ben Berizzo encargouse ao longo da semana en mandar mensaxes para evitar excesos de confianza e resaltando que un club como o Valencia é capaz de todo. Mais a equipa ché presentouse en Vigo coa mente máis posta na Liga – onde non pasa polo seu mellor momento, desde logo – que no encontro. De feito, aliñou catro xogadores do filial e comezou o partido con Santi Mina, Munir ou Parejo no banco.

O Celta, de por parte, quería evitar sorpresas. Nos primeiros compases certificaba o seu carácter de encontro de trámite. A medida que avanzaba o xogo o Celta foi facéndose coa bola e o partido, comezando a apertar. Destacou un Sisto que puxo ganas e entrega, que tería o seu premio no segundo gol celeste.

Os goles non chegarían até avanzada a segunda metade. Marcou Rossi e tres minutos despois empatou Vinicius para o Valencia. Xa no último minuto, Sisto marca o gol da vitoria para o Celta.

Ficha técnica

Celta (2): Sergio, Roncaglia, Cabral, Sergi Gómez, Jonny, Radoja (Marcelo Díaz, min.63), Pablo Hernández (Wass, min.80), Señé, Lemos (Pape, min.77), Sisto, Rossi.

Valencia (1): Doménech, Cancelo, Jiménez (Santos, min.70), Mangala, Lato, Medrán, Fede Cartabia, Soler (Parejo, min.46), Rafa Mir (Gayá, min.65), Baixali, Vinicius.

Goles: Rossi, min.60, 1-0; Vinicius, min.63, 1-1, Sisto, min.90, 2-1

Árbitro: Hernández Hernández, do comité de Las Palmas. Cartón a Mangala (Valencia).

Campo: Balaídos (10.055 espectadores).