Celta e Depor amosan a cara e a cruz das equipas galegas nesta xornada

Iago Aspas
O Celta asinou ante o Sevilla a súa terceira vitoria consecutiva como local (2-0), mentres o Depor caía en Vallecas ante o Rayo (2-1) nunha nefasta primeira parte

 

Celta e Depor asinaron a cara e a cruz das equipas galegas de futbol en primeira división nesta xornada. Os do sur atinxiron ante o Sevilla a súa terceira vitoria consecutiva en Balaídos ao derrotaren aos andaluces por dous goles a cero. O equipo do norte da Galiza, porén, caía en Vallecas (2-1) ante o Rayo e acumula xa tres derrotas consecutivas.

Os celtistas derrotaron ao Sevilla sen facer un dos seus mellores partidos desta temporada, mais bastoulles os goles de Iago Aspas e De Lucas (este, ao pouco de entrar ao campo) para levar os tres puntos e ir avanzando na súa consolidación fóra das zonas perigosas e escalar postos na táboa clasificatoria.

Pola contra, o Deportivo caeu en Vallecas. Os tres goles foron na primeira parte, tanto os do Rayo (Piti no minuto 18 e José Carlos 10 minutos despois) como o do Deportivo (no 41 obra de Pizzi). Finalizado o partido, o adestrador do Depor, Oltra, recoñecía o seu malestar co xogo dos eu equipo na primeira parte. "Foi aí cando o Rayo nos superou en intensidade, carácter...".

Mais na segunda parte, e sen realizaren un gran xogo, o Depor estivo a piques de empatar por mor da fraxilidade da defensa rayista. 

Valerón recoñeceu que a derrota "ponnos nunha situación difícil". O Deportivo ten só seis puntos na clasifficación e o seu próximo rival será o Barça. Tampouco a vindeira xornada vai ser doada para o Celta, que ten que viaxar a Madrid para enfrontarse al Real Madrid.