O Celta obtén premio á súa perseverancia

Imaxe: RC Celta

Un gol de Radoja dá o triunfo aos celestes fronte ao Alavés (1-0) e sitúaos oitavos, a só dous puntos da zona de Europa League. 

Case sobre o asubío final, a piques de finalizar o partido, Nemenja Radoja lograba o gol que daba a vitoria ao Celta en Balaídos sobre o Alavés. Tres puntos que como o propio goleador recoñeceu finalizado o encontro, sabían a gloria. “O meu primeiro gol aquí, sumamos tres puntos”. É a quinta vitoria consecutiva do Celta, a cuarta no que vai de 2017. Os celestes escalan até a oitava posición, a 1 punto do Athletic e a só 2 das zonas de ‘Europa League’. E todo iso mentres continúa vivo en Europa e na Copa.

Non foi un partido nada doado para o Celta. O alavés non fixo nunca concesións, nin cando acabou con 10, a comezos da segunda metade, pola expulsión de Feddal. O equipo vasco foi sempre perigoso, principalmente nas contras e a balón parado. Rubén tivo que empregarse a fondo en máis dunha ocasión.

Mais o Celta é un equipo que sabe o que quere. Aprendeu a coñecerse e a non desesperar. A primeira metade  foi un partido igualado e con paróns, derivados das faltas e irrupcións. Na segunda, os celestes aproveitaron a súa superioridade pata ir dominando e ameazando cada vez máis a portería de Pacheco. Hugo Mallo estaba de dez e o de Marín mesmo mandou un remate á cruceta da portería no minuto 84. Cando todo parecía decantar cara un empate, Radoja marcaba e daba a vitoria aos de Berizzo.

Ficha técnica

Celta (1): Rubén, Hugo Mallo, Cabral (Jonny, min.49), Fontàs, Roncaglia, Marcelo Díaz, Radoja, Wass, Iago Aspas (Sergi Gómez, min.90), Bongonda, Guidetti (Rossi, min.70).

Alavés (0): Pacheco, Femenía, Laguardia, Feddal, Theo, Marcos Llorente, Camarasa (Sobrino, min.87), Manu, Ibai Gómez (Alexis, min.47), Edgar (Vigaray, min.77), Deyverson.

 Goles: Radoja, min.89, 1-0.

 Árbitro: Melero López, do comité andaluz. Amoestou Cabral, Jonny e Fontàs (Celta); Femenía e Edgar (Alavés). Expulsou con duplo cartón amarelo Feddal no minuto 46 (Alavés).

 Campo: Balaídos (15.723 espectadores).