Por que está anoxado o Concello da Coruña co Deportivo?
O presidente do Deportivo, Antonio Couceiro, compareceu esta sexta feira ante os medios de comunicación para inaugurar a xornada final do Concurso Dépor Innovation Center Start-UP Challenge.
A iniciativa anunciada quedou en segundo lugar cando Couceiro comezou a criticar ao Concello da Coruña pola xestión que está a realizar do Estadio Municipal de Riazor.
“Despois de varios meses solicitando con insistencia ao Concello que nos confirmase se ía utilizar o estadio, e en que datas, para celebrar concertos este verán, en función do dereito que lle permite o actual convenio, aínda non nos respondeu, polo que tivemos que dar o primeiro paso e fixar unilateralmente a data do Teresa Herrera”, sinalou o responsábel branquiazul.
Couceiro lembrou que a concesión municipal finaliza en 2025 polo que, asegurou, “para o Club resulta imprescindíbel dispor canto antes dunha nova a longo prazo”.
Ademais, o presidente do Dépor asegurou que o pasado 13 de febreiro, a alcaldesa transmitiulle, “en comunicación non formal, que o Concello quere cobrar ao RC Deportivo polo uso do Estadio, algo que nunca sucedera até a data na Coruña”.
Desmentido municipal
A alcaldesa, Inés Rei, visibelmente molesta, asegurou horas despois nunhas declaracións que “en ningún momento se lle pide ao Deportivo que pague polo Estadio, polo tanto o seu presidente está faltando gravemente á verdade”.
A rexedora lembrou que o equipo branquiazul “non ten estadio propio e emprega gratis unha instalación municipal e que a seguirá empregando gratis”. Ademais, apunta que o Dépor xa ten unha proposta de novo convenio.