O circuíto de carreiras Corresan de Santiago achégase aos parques

Ruta da Prata deste ano. (Foto: Nós Diario).
Este domingo Santiago acolle a cuarta cita do circuito Corresan. Ademais, anunciase a I Carreira de Orientación contra o ictus na capital

O circuíto de carreiras saudábeis de Santiago, CorreSan, volve este domingo para realizar a súa cuarta cita: a Ruta dos Parques. A proba comezará, na categoría adulta, ás 11 da mañá con saída na Cidade da Cultura e chegada no parque Eugenio Granell, tras percorrer 5,5 quilómetros a través do Bosque da Galiza e o paseo fluvial de Sar. 

Para as categorías escolares preparouse un circuíto de algo máis dun quilómetro situado no propio parque Eugenio Granel. A primeira saída será a das categorías Sub-10 e Sub-12 (ás 12 horas) e a segunda quenda de Sub-14 e Sub-16 (ás 12.15 horas). O prazo de inscrición finalizará hoxe á medianoite e ao feche desta edición xa se superaban as 670 persoas apuntadas para participar.

Nesta edición, e até a esta fin de semana, xa se disputaron tres das cinco carreiras deste circuíto. A primeira foi a ruta da Prata, que gañaron Inés Ramos (Club Atletismo Sar) e Yago Ignacio García (Club Atletismo Santiago); a segunda foi a do Barrio de Conxo, na que venceron Lara Castro e Pedro Liste (do Club Atletismo Tambre); e na terceira, a denominada Nocturna Cidade Vella, entraron primeiro en meta Zoé Cardin (Celta) e Roberto Trigo (Club Atletismo Santiago).

Carreira contra o ictus

Tamén en Santiago vén de anunciarse a organización da I Carreira de Orientación polo Ictus, unha proba que decorrerá na Cidade da Cultura o próximo 29 de setembro e contará cun máximo de 200 inscricións.  

A carreira, organizada polo grupo de investigación en Ictus Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e o club Aromon, coa colaboración de Federación Galega de Orientación, ten como obxectivo concienciar e dar visibilidade sobre esta grave enfermidade.