FÚTBOL

Comezo esperanzador das equipas galegas en Segunda

Partido do Lugo

O Deportivo venceu a domicilio ao Las Palmas cun gol do canteirán Insúa mentres que o Lugo empatou na casa sen encaixar tantos ante o Numancia.

Comezou a tempada da Segunda división do fútbol estatal masculino e ese arrinque non puido ser mellor para o Deportivo, que a pesar de non ter completado aínda o plantel e contar con moitos xogadores sen apenas adestramentos tirou de orde e canteira e obtivo tres puntos do campo do Las Palmas, un dos teóricos aspirantes ao ascenso e onde apenas luciu o ex deportivista Valerón.

Nun once no que aparecían xogadores da base como Insúa e Luís e que tivo na seguridade defensiva de Kaká, do central galego e de Álex Bergantiños a principal baza destacou tamén a intelixencia de Juan Domínguez e a capacidade ofensiva de Arizmendi, Bruno Gama -que xogou o seu último encontro como branquiazul, e Culio. Precisamente, outro centro medido do arxentino iniciou a xogada que Pablo Insúa cabeceou poñendo o 0-1 no marcador, que sería definitivo. Nos minutos finais debutou Rudy, que deixou boas sensacións, e a gran promesa do fútbol coruñés, Bicho, con tan só 17 anos. Após o partido, Fernando Vázquez dedicou a vitoria á afección, co desexo de sumar até 30.000 soci@s.

Non comezou tan ben o Lugo, que empatou 0-0 no Anxo Carro ante un clásico da categoría como o Numancia. Moi sólido no seu sistema, xa interiorizado após tres anos con Quique Setién á fronte do conxunto, o Lugo tivo o control do partido pero non acabou de atopar o gol, principal preocupación neste inicio de campaña.

Ante un Numancia que só creou perigo a balón parado, Pablo Álvarez e Pablo Sánchez foron os futbolistas máis activos dun Lugo que mantén a súa longa tradición de non perder nunca o primeiro partido da Liga, que vai xa para vinte anos