París 2024 | Vela

Complícanse as opcións de medalla para Echegoyen e Barceló, décimo sétimas na xeral

Támara Echegoyen e Paula Barceló, nunha das regatas desta segunda feira en Marsella. (Foto: RFEV)
A embarcación da ourensá marcha décimo sétima na clasificación xeral ao termo das seis primeiras regatas.

Melloraron a ourensá Támara Echegoyen e a balear Paula Barceló, mais non foi suficiente. Após remataren este domingo na penúltima posición na clasificación xeral unha vez disputadas as tres primeiras regatas, Echegoyen —medalla de ouro en Londres 2012— e Barceló iniciaron a xornada desta segunda feira como duodécimas na primeira regata, e xa na segunda chegou unha melloría significativa.

Remataron esta nova regata como cuartas, a un minuto e dez segundos das vencedoras, as irmás canadenses Georgia e Antonia Lewin-Lafrance. Mais na terceira e última regata do día en Marsella cruzaron a meta como décimo oitavas. Uns rexistros que as sitúan despois de seis regatas como décimo sétimas. Só as dez primeiras loitarán polas medallas ao termo das doce regatas clasificatorias.