París 2024 | VÍDEO

A CONTRACRÓNICA | Sabías que os skaters tamén gañan medallas olímpicas?

Final de skate desta segunda feira. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
Xornada de intensa calor e frenética no plano deportivo na que nos desprazamos até a capital dos deportes urbanos para gozar da final do 'street' no skateboarding masculino.

Quen non montou algunha vez, con maior ou menor destreza, nun monopatín? Desde os primeiros skaters que popularizaron este deporte nas piscinas baleiras da California dos anos 70 até a aparición do gran Tony Hawk, o monopatín foise abrindo oco pouco a pouco nas nosas vidas até se converter nun elemento imprescindíbel nos nosos parques e prazas. E o que para moitas e moitos emppezou como un hobby, ou mesmo unha forma de intentar fardar para ligar, recompénsase desde os Xogos de Toquio con medallas olímpicas.

Esta segunda feira, nunha xornada marcada especialmente pola abafante calor á que deu paso a choiva da pasada semana, desprazámonos até a capital do deporte urbano que a organización de París 2024 habilitou na que probabelmente sexa a súa praza máis emblemática, a da Concordia. A mesma na que en 1793, como colofón da Revolución Francesa —nome que tamén recibiu este emprazamento—, foron executados na guillotina o rei Luís XVI e mais a raíña consorte, María Antonieta de Habsburgo.

Nesta colosal praza hai lugar para todo tipo de deportes urbanos que, cunha clara intención de achegar o olimpismo aos máis novos para asegurar así a remuda xeracional e a súa supervivencia, gozan nestes Xogos do mesmo status que o baloncesto, o atletismo ou a esgrima. Asistimos á gran final de skateboarding na modalidade street masculina, que acabou gañando, cun maxistral truco que puxo en pé todo o animado estadio, o xaponés Yuto Horigome.

O máxico deste deporte é que conserva a súa esencia, e así o podemos apreciar tanto nas bancadas como na propia pista, repleta de escaleiras, pasamáns e ramplas polas que oito skaters coa ilusión dun neno e cunha loábel demostración de compañeirismo e deportividade amosan ao mundo o seu enorme talento co monopatín. Cando comeza a competición perdes a noción de estar nunha cita olímpica e transpórtaste automaticamente ao corazón do teu barrio, no momento da saída do instituto.

A desta segunda feira foi unha xornada con escasa presenza do deporte galego, que se viu reducida a unha nova serie de tres regatas no 49er FX de vela tras a que a ourensá Támara Echegoyen e a súa compañeira, a balear Paula Barceló, escalaron —levemente— até a décimo sétima posición na clasificación xeral. As opcións de medalla, se ben aínda existentes, son cada vez menores.

E tampouco tivo fortuna o porteiro cangués Rodrigo Corrales, cuxa boa actuación ante Suecia non foi suficiente para que a selección estatal de balonmán masculina puidese sumar un segundo triunfo. Os suecos venceron por 29 a 26 grazas á súa superioridade no segundo tempo.

Voltando ao panorama internacional, o día rematou cunha soberbia Summer McIntosh, quen malia ser unha das nadadoras máis novas en París —ten 17 anos— viña xa cunhas expectativas moi altas como a actual plusmarquista mundial nos 400 metros estilos... e non defraudou: medalla de ouro con case seis segundos de vantaxe sobre a segunda.