Fútbol

A Copa Deputación da Coruña regresa cun novo formato

O deputado Antonio Leira (á dereita), durante o sorteo das eliminatorias, desenvolto no día de onte. (Foto: Deputación da Coruña).
Narón acollerá o torneo entre o 16 e o 22 de xuño.

A localidade de Narón (Ferrolterra) será a sede da Copa Deputación da Coruña, unha competición xa clásica do fútbol galego que este ano estrea novo formato. Deste modo, por vez primeira o torneo enfrontará os catro clubs masculinos e os catro femininos vencedores das probas oficiais da Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) na area territorial correspondente á provincia herculina, que son a Copa Sar, a Copa Costa da Morte, a Copa Ferrol e a Copa Coruña.

O sorteo, desenvolto na terza feira na sede da Deputación -que repartirá un total de 28.000 euros en premios, recibindo 5.000 os campións, 4.000 os subcampións, 3.000 os terceiros e 2.000 os cuartos- dirimiu tanto os cruces como os horarios dos partidos, que se levarán a cabo no Estadio municipal de Río Seco con acceso gratuíto para os afeccionados e afeccionadas que desexen asistir.

Con formato de eliminatorias a partido único e unha quenda de penaltis para escoller o gañador no caso de que o marcador exhiba un empate logo do final dos 90 minutos regulamentarios, o 16 de xuño desenvolveranse as semifinais masculinas (San Tirso-Sigüeiro, 12.30 horas; Dumbría-O Val, 19 horas) e femininas (Victoria-Xallas, 10 horas; Boiro-O Val, 16.30 horas).

Unha semana máis tarde, o sábado 22 de xuño, será a quenda das finais entre os conxuntos vencedores de ambas as categorías, que ademais dos cartos obterán como premio un boleto para a Supercopa Deputación, que disputarán cos triunfadores nas competicións análogas que organizan en Pontevedra, Ourense e Lugo.