A Costa da Morte acolle unha nova edición da Travesía a Nado Valarés

A proba será o 21 de xullo. (Foto: Aballariza Ponteceso).
O prazo de inscrición no certame remata esta cuarta feira.

Un ano máis, a Agrupación Deportiva Abellariza -en colaboración coa Deputación da Coruña, o Concello de Ponteceso e o Concello de Cabana de Bergantiños- organiza este próximo domingo, 21 de xullo, a sexta edición da Travesía a nado na praia de Valarés (Ponteceso, comarca de Bergantiños). 

Nesta ocasión, o obxectivo é "regresar ás orixes" do certame deportivo, pois non está encadrado en ningún circuíto de competicións e recupera, como acontecía en ocasións anteriores,  dúas distancias: un percorrido curto de 1.600 metros que comunicará a praia Area das Vacas con Valarés e un percorrido longo (3.200 metros) de configuración circular de Valarés a Area das Vacas e, de novo, a Valarés.

Segundo explicaron desde a Agrupación Deportiva Abellariza, o prazo de inscrición remata o 17 de xullo, e esixe o pago de 20 euros que dan dereito, ademais de a participar, "a unha bolsa da proba que inclúe un gorro, avituallamento na meta, clasificación, tempo de chegada con chip e seguro de accidentes".

Ademais, destacan que a "singularidade" desta VI Travesía a Nado é "o apoio masivo do voluntariado", e fan un chamamento "de última hora" a todas aquelas persoas que desexen ser parte "de algo máis que un evento competitivo en augas abertas: unha fermosa escusa para gozar dunha xornada festiva nun dos paraísos da Costa da Morte".

O Pontevedra non levanta o Estatal de waterpolo

O Pontevedra, único representante da Galiza no Estatal de waterpolo en idade cadete que vén de baixar o pano na localidade catalá de Manresa, non foi quen de avanzar até as roldas decisivas dun torneo que gañou o Barcelona, concluíndo na posición número 18.