Cumprirá coas expectativas? Ilusión no Celta pola volta a casa de Borja Iglesias

Borja Iglesias na súa chegada a Balaídos (Foto: RC Celta).
O RC Celta confirmou de forma oficial a noticia esta fin de semana, Borja Iglesias será xogador celeste a próxima tempada despois de fechar o equipo vigués un acordo co Betis para a cesión do 'Panda' durante o vindeiro ano.

O RC Celta confirmou de forma oficial a noticia esta fin de semana, Borja Iglesias será xogador celeste a próxima tempada despois de fechar o equipo vigués un acordo co Betis para a cesión do ‘Panda’ durante o vindeiro ano.

Aos seus 31 anos, o compostelán volve ao Celta, tras facer parte entre 2013 e 2017 do segundo equipo. Iglesias, a pesar de que contabilizou un total de 73 goles divididos entre esas catro tempadas, nunca tivo a oportunidade no primeiro equipo que agora chega.

“Creo que estou namorado”, publicou o xogador nas súas redes sociais dando a entender o desenlace da nova. Máis tarde, o club colgou un vídeo xogando co se alcume no que se ve un home cunha máscara de panda chegando á tenda do Celta nun Seat Panda. Ademais, o dianteiro xa pisou de novo o céspede de Balaídos.

“Estou moi contento de incorporar xogadores da casa, xogadores que coñecen moi ben o club. Borja compleméntanos moi ben a parte ofensiva do equipo polas súas características”, comentou o técnico do Celta, Claudio Giráldez, sobre esta incorporación.

Con respecto á loita por un posto no 11 do Celta, dando por feito que Iago Aspas será a primeira opción de inicio, é probábel que Iglesias teña unha pugna para formar dupla co de Moaña con Douvikas, que arrincou a pretempada cun ‘hat-trick’ ante o Vizela en pouco máis de media hora de xogo.

‘O Panda’ non experimentou unha tempada moi goleadora o ano pasado. Marcou só 2 goles nun total de 28 partidos disputados co Real Betis e co Bayer Leverkusen, polo que os seareiros e as seareiras do Celta agardan un reencontro co gol do dianteiro galego.

Pichichi e máximo goleador do filial

En xullo de 2013 fichou polo Celta de Vigo B, que militaba na Segunda División B. No segundo equipo do club galego foi afianzándose no 11 inicial ata debutar co primeiro equipo o 3 de xaneiro de 2015, nun partido da Primeira División contra o Sevilla no Sánchez Pizjuán, saltando ao terreo en substitución de Santi Mina.

A súa explosión futbolística definitiva tivo lugar na tempada 2016/17 na Segunda División B, na que pese a ter ficha co primeiro equipo xogou co filial, co obxectivo de ascender á categoría de prata. Ese ano proclamouse como máximo anotador da categoría, con 34 tantos, e converteuse tamén no máximo goleador da historia do filial celeste, con 75 goles, superando a Goran Marić.

A pregunta agora é que Borja Iglesias veremos a próxima tempada, o goleador insaciábel que marchou do filial celeste en busca de aventuras ou o do ano pasado? ‘O Panda’ volve a casa e gran parte dos seareiros e seareiras celtiñas teñen unha grande ilusión pola chegada dun dianteiro que coñecen ben. Cumprirá coas expectativas?