O Dépor adía os seus primeiros puntos en Segunda: perde no desconto 2-1 ante o Huesca

O Dépor disputou o seu segundo partido en Segunda ante a SD Huesca no Alcoraz. (Foto: SD Huesca).
As xogadas a balón parado castigan o Dépor no seu arranque na Segunda División.

Ao Dépor escapóuselle polo menos un punto no Alcoraz no tempo desconto ante unha SD Huesca que aproveitou un penalti e un saque de esquina para quedar os tres puntos. A estratexia premiou o equipo aragonés que, a falta de que se complete a xornada ocupa o liderado con dúas vitorias.

"Golpe duro para os rapaces pola segunda parte que fixemos", declarou Imanol Idiakez na sala de prensa. O adestrador repetiu o once do pasado sábado ante o Real Oviedo mentres que na SD Huesca a novidade foi a presenza no once do dianteiro Sergi Enrich, presentado esta mesma semana malia xa xogar uns minutos ante o Elxe no Estadio Martínez Valero.

Primeiro gol da SD Huesca

Ambos os dous equipos saíron con moito respecto ao campo, con ritmo pausado. Mais desde o inicio o Dépor, cunha presión alta, xa dispuxo dun córner a favor ao minuto de xogo ao que non chegou Pablo Martínez no segundo pau por pouco, obstaculizado polo seu par.

Respondeu o cadro oscense cun par de incursións na área deportivista, nunha delas un centro raso no minuto 12 por banda esquerda a Sergi Enrich que sacou Pablo Vázquez. Enrich goxou dunha nova ocasión antes doutra incursión do Dépor á que non chegou por pouco Villares, presto ao remate.

Unha nova lección porque a Segunda División é isto. Temos que aprender: dúas xornadas e dous goles a balón parado

Antes da pausa de hidratación, David Mella, dispuxo doutro disparo dentro da área que marchou desviado á dereita da portería de Dani Giménez.

O partido cambiou de rumbo no minuto 37. Nun balón pasado, caeu libre de marca a Villarrasa e Petxarromán, desde o chan, derrúbao. O colexiado non dubida en sinalar un penalti que Sielva transforma. E puido marcar o segundo a SD Huesca tras unha perda de balón deportivista en mediocampo.

Foron minutos de sufrimento para o Dépor malia que seguiu creando. "Na primeira parte non estivemos nada cómodos", recoñeceu o preparador deportivista.

Empata o Dépor

Imanol Idiakez deu entrada a Barbeiro en lugar de Petxarromán no segundo tempo. Villares pasou ao lateral dereito. E o xogo foi para o Dépor. Barbeiro tivo o empate ao minuto de xogo, mais o tiro foi desviado. A seguinte foi para Yeremay, pero o gol do empate foi obra de Ximo Navarro. Malia as ocasións do Huesca, o Dépor non deixou de mirar a Dani Jiménez en busca do segundo.

O partido puido ser do Dépor cun disparo raso de Barbeiro que detivo o meta oscense, pero caeu inxustamente para a SD Huesca no minuto 92. Nun saque de esquina mal defendido cun balón ao segundo pau prolongado ao primeiro, Blasco anota o gol do triunfo que non fixo xustiza ao sucedido no terreo de xogo.

"Cando tiñamos o sentimento de que podía caer do noso lado, unha arrancada de Gerard Valentín, concedemos un córner e defendémolo mal. Unha nova lección porque a Segunda División é isto. Temos que aprender: dúas xornadas e dous goles a balón parado", resumiu Imanol Idiakez.

O Dépor recibirá o Rácing de Ferrol en Riazor o vindeiro domingo 1 de setembro. O Racing xoga na Malata este sábado contra o Granada, tras empatar 2-2 hai unha semana co Málaga.