FÚTBOL

Dépor e Lugo queren esquecer as derrotas da última xornada

depor

Os coruñeses visitan Sabadell con novos futbolistas a disposición de Vázquez namentres que o equipo que dirixe Quique Setién precisa a primeira vitoria da tempada.

A terceira xornada da Segunda división estatal ten forma de reválida para Deportivo e Lugo logo de sufriren ambos senllas derrotas na anterior, os coruñeses en casa ante o Córdoba (0-1) por culpa dun único erro en defensa mentres que os lugueses caeron ante o filial do Barça fóra de casa (2-1) a pesar do bo encontro disputado.

 

O Lugo -que quere acadar a súa primeira vitoria- recibe no Anxo Carro ao Jaén, que ascendeu o curso pasado desde a Segunda B e que aínda non sumou ningún punto, polo que semella un encontro propicio para os galegos. Nos lugueses xa poderá xogar a súa última fichaxe, o dianteiro Juanjo, que procede do Cádiz. A cita é o domingo ás seis da tarde.

 

Unha hora antes saltará ao campo o Dépor en Sabadell, onde ao igual que o coruñés o conxunto local comezou o curso moi forte pero levou unha decepción na segunda xornada, ao perder en Ponferrada con claridade. O adestrador deportivista poderá contar para este choque con Fabricio, Luisinho e Borja Bastón, as tres últimas incorporacións dun equipo que precisa agresividade e máis gol, tal e como se comprobou nas dúas últimas derrotas que sufriu en Riazor ante Córdoba e Real Madrid, neste último caso nun amigábel.